Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2019 | Actualizada ás 15:30
O Goberno galego aprobou este xoves a futura lei de ordenación do territorio de Galicia, que actualiza a norma en vigor do ano 1995 e aspira a "simplificar" a tramitación administrativa para os empresarios do sector, ademais de "reforzar a seguridade xurídica" para quen queira investir na comunidade.
"Con este texto, podería dicirse que culminamos toda a ordenación urbanística de Galicia", subliñou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, na que repasou outras normativas impulsadas polo seu Executivo vinculadas coa protección do territorio e a paisaxe, como as Directrices de Ordenación de Territorio (DOT) e o Plan de Ordenación do Litoral (POL).
En concreto, segundo detallaron Feijóo e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, esta norma apostará pola "simplificación administrativa" e reduce a catro o número de figuras de ordenación existentes: as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), os plans territoriais, plans territoriais, plans sectoriais e proxectos de interese autonómico.
De cara á "simplificación", fíxase "un único procedemento de tramitación" para todos os instrumentos e intégrase o procedemento ambiental na tramitación. Do mesmo xeito, a Xunta aspira a "facilitar a vida" dos concellos, "evitando a duplicidade de trámites e procesos, o que permitirá aforrarlles tempo".
Ademais, a nova norma crea o Rexistro de Ordenación do Territorio e Plan de Galicia, que "favorecerá o acceso á información do territorio, documental e gráfica, da que dispón a Administración. A Xunta aspira a reforzar a seguridade xurídica e "dar todas as garantías" para que os empresarios --do sector inmobiliario e da construción-- que queiran investir en Galicia "teñan toda a información nese único portelo". A lei entrará en vigor a principios de 2020, tras a súa tramitación no Parlamento, onde será remitida tras a súa aprobación por parte do Consello da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.