Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2019 | Actualizada ás 14:00
Chegadas as oito da tarde, un grupo cada vez máis numeroso de mulleres foise formando no centro do Obradoiro - Santiago de Compostela -. Traían os ollos tapados ou unha franxa negra pintada sobre eles; e viñan tamén con toda a enerxía precisa para enxordar, xuntas, os alicerces do patriarcado. "E a culpa non era miña, nin onde estaba, nin como vestía. O violador eras ti. O violador es ti...". Axiña todos os ollos se pousaron sobre elas cando comezaron a ensaiar a performance que se produciría unha hora e media máis tarde.
Este himno leva percorrendo o mundo enteiro dende este último 25N - Día Internacional contra a Violencia de Xénero - en que unhas 10.000 chilenas se botaron á rúa para cantar 'Un violador no teu camiño'. É o colectivo Las Tesis quen está detrás desta canción e desta coreografía, que non tardou en viralizarse e en converterse no berro feminista máis poderoso do momento. Anda dando a volta ao mundo e Galicia non queda fóra do circuíto: A Coruña, Vigo, Padrón, Ferrol, Pontevedra e Compostela veñen de unirse á loita cantada.
Baixo a atenta mirada do público e dos móbiles todos que as enfocaban, as 300 mulleres que ateigaron o Obradoiro na noitiña deste luns comezaron a formarse en perfectas filas. O badal da Catedral de Santiago marcaba as nove e media. "Cando acaben as campás, empeza o feminismo!", berrou dende o megáfono unha delas. Os aplausos e o xúbilo deu, de súpeto, paso ao silencio. O ritmo comezaron a marcalo uns tambores cor lilá.
As voces puxéronse a entoar... "O patriarcado é un xuíz, que nos xulga por nacer"... E o Obradoiro foi todo para elas. Durante catro minutos, o feminismo volveu facerse coa praza como fixo cada 8M, cunha forza imparable e emocionante. Mágoa que un home rompera o silencio do final do cántico para botar pola boca un "e agora para a vosa casa facer a cea!". "Coidado, machista, estás na nosa lista!", respondeu a praza. Logo de que o feminismo o botara do Obradoiro, as 300 mulleres alí congregadas decidiron volver cantar 'Un violador no teu camiño', e desta vez, se cabe, cunha forza aínda moito maior.
EXPERIENCIAS VIVIDAS
"Crear unha voz que se espalle por todas as cidades do mundo, para min, é un dos piares do feminismo contemporáneo". Así falaba unha das mulleres que participou da performance, Guadalupe Jiménez. "Somos a resposta ao berro doutras mulleres noutro punto do planeta", engadía Raquel Boo. Este camiño xa non ten retorno. O abrumador das voces feministas fai inviable que alguén poida calalas. Para Pili Bolboreta, unha das organizadoras da acción en Compostela, esta é, xunto coa loita polo medio ambiente, a revolución mundial: "O feminismo é o cambio que precisa este mundo para poder sobrevivir", reivindica.
Kati Yakovleva, unha rapaza rusa, viviuno de maneira moi especial. "En Rusia non podería dicir que son feminista. Eu quero cantar coas miñas colegas, e canto por moitas mulleres do meu país que non poden cantar, pero que espero que canten nalgún momento", di orgullosa. Que así sexa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.