Por Galicia Confidencial | A Coruña | 11/08/2012 | Actualizada ás 10:46
A Fiscalía de Medio Ambiente procedeu á apertura de dilixencias de investigación penal contra o proxecto de mina de ouro a ceo aberto que a empresa canadense Edgewater pretende desenvolver no Concello de Cabana de Bergantiños e que ocupará máis de 770 hectáreas de superficie arborada.
O proxecto mineiro desenvólvese nun espazo moi próximo ao río Anllóns que está declarado como Lugar de Interese Comunitario (LIC) e como Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA). Por iso, a Plataforma pola defensa de Corcoesto alerta de que de levarse a cabo, esta zona especialmente protexida polas leis comunitarias, corre un alto risco de sufrir "danos irreparables, con alteracións do sistema hidrolóxico que pode ter repercusións nefastas sobre os bancos marisqueiros da ría de Corme e Laxe".
No propio proxecto mineiro contémplase a desviación de 2.740 m da canle do río Lourido, o verquido ás concas fluviais de concentracións de metais pesados
como o arsénico (0,077mg/l) ou o níquel (0,036mg/l) por enriba dos niveis máximos permitidos pola lexislación (respectivamente 0,05 mg/l e 0,02 mg/l), así como a xeración de dous millóns cen mil toneladas de residuos anuais que durante o período de explotación alcanzaría a cifra de 17 millóns de toneladas de residuos que quedarían na parroquia de Corcoesto para sempre, a escasos 200 m das vivendas máis próximas.
Uso de cianuro
No proxecto tamén se recolle a utilización de 1,49 toneladas diarias de cianuro --"esta cantidade diaria podería envelenar case tres veces a poboación galega", din desde a plataforma-- e o consumo de máis de un millón cen mil litros diarios de auga para a extracción do ouro a través do proceso de lixiviación, -- "equivalente ao consumo diario de 6.500 persoas, número moi superior á actual poboación cabanesa--", apuntan.
Precisamente, a magnitude do proxecto, a súa proximidade á Rede Natura e o emprego dunha tecnoloxía altamente contaminante determinou a incoación das dilixencias de investigación penal por un presunto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente na zona coñecida como Grupo Mineiro de Corcoesto, situado nos concellos de Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.