Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2019 | Actualizada ás 14:41
Máis de 300 expertos reuníronse este luns na Escola Galega da Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela, para participar na segunda rolda de consultas aberta pola Xunta para elaborar o seu plan estratéxico 2020-2030. Esta folla de ruta que marcará as actuacións do Goberno galego para a próxima década estará centrada en catro retos: dinamización demográfica, cambio climático, competitividade e cohesión social.
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, foi o encargado de abrir esta xornada de reunións e apelou a "acertar no deseño desa Galicia do ano 2030". Iso si, ante a proximidade duns comicios autonómicos previstos para o próximo outono, advertiu que este plan "non é un programa electoral", senón "un proxecto de país". "Non estamos ante un laboratorio de ideas", engadiu.
Tras celebrar a "participación activa" dos diferentes axentes sociais na elaboración tanto do futuro plan como do correspondente ao período 2015-2020, o conselleiro anunciou que leste mesmo luns ponse en marcha unha nova páxina web específica para "animar a todos" a facer as súas achegas sobre "as prioridades" de Galicia de cara ao 2030. A nova rolda de expertos que se inicia tamén este luns servirá para "identificar as medidas e as liñas de actuación" para "superar" estes desafíos, incidiu Martínez.
UNHA GALICIA "CADA VEZ MÁIS NOVA"
Durante a súa intervención, o titular de Facenda debullou cada un dos eixos do plan. En canto á demografía, co reto de conseguir "unha Galicia cada vez máis nova e máis familiar", a Xunta apostará por "priorizar sempre o benestar" e a "mellora da calidade de vida".
No ámbito do medio ambiente, lembrou a recentemente aprobada Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 e apelou a "estar á vangarda das solucións" contra o quecemento global. "Galicia non se pode concibir á marxe da súa contorna natural", dixo Martínez.
Ademais, a próxima década debe deixar "unha Galicia máis innovadora" para "competir con éxito tanto en España, como en Europa e no mundo". "Temos que aproveitar todo o potencial das novas xeracións de galegos, as máis preparadas da nosa historia", valorou.
Finalmente, para profundar en cohesión social e "corrixir as consecuencias da crise que aínda persisten", o plan estratéxico buscará "seguir traballando en inclusión en todos os campos" para lograr que "todos os cidadáns teñan as mesmas garantías e oportunidades" e "acabar coas discriminacións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.