Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2019 | Actualizada ás 19:57
O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, apelou a abrir un "diálogo" entre "todas" as forzas políticas que se atopen "á esquerda do Partido Socialista" para explorar unha posible alianza de face ás eleccións autónomicas.
Tras a celebración do IV Asemblea Nacional da organización o pasado sábado, o tamén deputado de Común dA Esquerda ofreceu unha entrevista na mañá deste luns na TVG, onde reivindicou que o seu partido aspira a "disputar hexemonías" e non pretende ser "subalterno" a ningunha outra forza política.
Así, despois de que as bases da organización nacionalista referendasen as teses da dirección para continuar coa senda da chamada unidade popular, Sánchez asegurou que existe unha parte da poboación "que participa en mareas e en colectivos sociais que se defenden fronte ás agresións do Goberno de Feijóo" que nestes momentos está "orfa de opcións políticas".
"A eles dirixímonos", asegurou o portavoz nacional da organización soberanista, que defendeu que "todas as fórmulas de confluencia e de unidade dentro da esquerda foron moi existosas". "A xente respondeu porque viu que eran necesarias", incidiu.
Así as cousas, logo de que a dirección de Anova expresase o seu descontento co trato recibido polos seus 'socios preferentes' --EU e Podemos-- nos últimos tempos, negou que se arrepintan de apostar pola unidade popular desde o seu nacemento en 2012.
Cuestionado sobre se cre que a organización nacionalista corre o risco de quedar relegado a un segundo plano se se integra nunha alianza con En Común, Antón Sánchez remarcou que "nunca" foi a "vocación nin actitude" de Anova ser "subalternos" a outras formacións. "A nosa aposta é disputar hexemonías, non ser subalternos de ningunha forza", aseverou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.