Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2019 | Actualizada ás 11:57
A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela, condenou a José Enrique Abuín, alias 'O Chicle', á pena de prisión permanente revisable polo crime da moza madrileña Diana Quer, así como a dez anos de liberdade vixiada desde que conclúa esa medida.
Esta sentenza chega despois de que o pasado 30 de novembro o Tribunal do Xurado declarou por unanimidade culpable a Abuín de ter agredido sexualmente a Diana Quer e de matala intencionadamente despois de cometer a agresión, coa intención de ocultar o seu primeiro delito.
A sentenza tamén lle impón a 'O Chicle' a prohibición de aproximarse aos pais e á irmá da vítima, aos seus domicilios, lugar de traballo ou calquera lugar no que se atopen, a unha distancia inferior a mil metros, así como a prohibición de comunicarse con eles por calquera medio durante a duración da pena e, en todo caso, desde o inicio de cumprimento da mesma e ata que transcorran dez anos desde a conclusión.
Ademais, condénao, como autor responsable dun delito de detención ilegal e dun delito de agresión sexual, en concurso medial, coa concorrencia da circunstancia atenuante analóxica de confesión, á pena de catro anos de prisión e a cinco anos liberdade vixiada. A Audiencia tamén lle impuxo o abono dunha indemnización de 130.000 euros a cada un dos proxenitores e de 40.000 á irmá da vítima, ademais de imporlle as costas de proceso xudicial.
RESPOSTA DO PAI DE DIANA
O pai de Diana Quer, Juan Carlos Quer, celebrou este martes a condena a prisión permanente revisable imposta pola Audiencia Provincial da Coruña a José Enrique Abuín, alias 'O Chicle' polo asasinato da súa filla, cuxo cadáver se atopou en decembro de 2017.
"Diana hoxe sorrí desde o ceo. O seu violador e asasino foi condenado a Prisión Permanente Revisable, unha lei que salvará vidas porque este suxeito xamais atentará contra a vida doutra nena inocente", escribiu o empresario na súa conta de Twitter.
Diana hoy sonríe desde el cielo. Su violador y asesino ha sido condenado a Prisión Permanente Revisable, una ley que salvará vidas porque este sujeto jamás atentará contra la vida de otra niña inocente. Ese es el legado de Diana, gracias hija por tu lucha y por tu ejemplo, d.e.p. pic.twitter.com/mrizvF4sHb
— Juan Carlos Quer - Oficial (@JcQuer) December 17, 2019
FEIJÓO E CASADO
O presidente da Xunta, Alerto Núñez Feijóo, defendeu que a condena a prisión permanente revisable a José Enrique Abuín "devolve a confianza no Estado de Dereito".
Feijóo rexeitou facer valoracións xurídicas sobre a sentenza e incidiu en que chega tras un xuízo "con moitas garantías e con xurado".
"Creo que coincide coa sensación xeneralizada do pobo galego e o conxunto do pobo español. A maioría dos cidadáns galegos e españois coincidimos coa apreciación que o maxistrado que asina a sentenza acaba de confirmar", remarcou.
"A Administración de xustiza funcionou e devolveunos a confianza no Estado de Dereito", resolveu.
O presidente do Partido Popular, Pablo Casado, tamén asegurou que coa condena "se fai xustiza".
A través da súa conta de Twitter, o líder dos 'populares' lembrou que a figura penal utilizada para esta condena foi "aprobada polo PP en orgullosa soidade".
"Non pararemos, propomos a súa ampliación, entre outros, para violadores en serie. O meu afecto a Juan Carlos Quer e familia", engadiu Casado.
Desde a conta do partido na mesma rede social tamén se celebrou a condena, e expresaron todo o seu "agarimo á familia" de Diana Quer.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.