Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2019 | Actualizada ás 22:00
O colectivo de presas e presos políticos da ditadura vén de entrevistarse co concelleiro de Cultura, Educación e Memoria Histórica da Coruña, Jesús Celemín, para entregar un documento que xustifica a retirada da simboloxía franquista. É a primeira parte dunha serie de traballos que está a elaborar.
Desta maneira, o colectivo corresponde así á invitación da Concellaría para achegar documentación e participar no Grupo de Traballo para a eliminación da simboloxía franquista, que se constituíu dentro do Consello da Memoria Democrática.
FRAGA IRIBARNE
As dúas primeiras referencias dese informe de 24 páxinas, que adxuntamos, son as distincións de Fillo Adoptivo concedidas na ditadura a Manuel Fraga Iribarne e Laureano López Rodó, ministros dos gobernos de Franco. Lembran que o concello de Ferrol xa retirou a Fraga a distinción de Fillo Adoptivo, e o concello de Santiago a López Rodó (votos a favor de Ferrol en Común, PSdeG, BNG e Compostela Aberta). Gonzalo Caballero, secretario xeral dos socialistas galegos apoiaba a decisión dos seus compañeiros de Ferrol e A Coruña, sinalando que había que distinguir dúas etapas, a ditadura e a democracia, e que esas distincións de Fillo Adoptivo concedidas na etapa da ditadura (1965 e 1968) “teñen todo o rexeitamento” do PSdeG.
Sobre Sergio Peñamaría de Llano, alcalde da Coruña na ditadura, o colectivo de presas e presos políticos na ditadura adxunta o acordo unánime (PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá) do Pleno do Barco de Valdeorras, con alcaldía socialista, para enviar un escrito ao concello da Coruña lembrando a actuación na comarca en 1939 de Sergio Peñamaría de Llano como tenente dunha bandeira da lexión. Así, pretenden “promover a reparación moral da veciñanza da comarca de Valdeorras e a recuperar a súa dignidade”. Para o colectivo, coñecida a "actuación represiva e criminal nesa zona", a reparación moral pasa, como mínimo, en retirarlle a rúa que ten na Coruña e o retrato no palacio municipal de María Pita.
CALVO SOTELO E PRIMO DE RIVERA
A Coruña é hoxe un “sitio distinto”, aseguran. O colectivo entregou unha relación de 16 concellos, case todos con alcaldías do PSOE e PP, que retiraron xa as rúas co nome de José Calvo Sotelo, e as distincións recibidas por este golpista: Deputación de Pontevedra (acordo unánime), Pontedeume, Logroño, Palencia, Deputación da Coruña (acordo unánime para retirar o nome do IES Calvo Sotelo), Barcelona, Curtis, Sarria, Betanzos, Marín, Oviedo... Como contraste, Calvo Sotelo ten aínda oito distincións na Coruña: avenida Calvo Sotelo, rúa Hogar Calvo Sotelo, peirao Calvo Sotelo, placa na entrada do vello cárcere provincial, figura nun monolito na entrada da estación de ferrocarril; retrato nun salón anexo á Alcaldía do palacio municipal de María Pita; e é Fillo Adoptivo e Fillo Predilecto da Coruña.
Sobre o ditador Miguel Primo de Rivera, o colectivo adxunta a relación de 9 concellos, con alcaldías do PSOE e PP (Ferrol, Zaragoza, Logroño, Palencia, Valladolid...) que eliminaron as rúas e distincións. No caso de Ferrol, o Pleno de 2 de marzo de 1981 (alcaldía do PSOE) cambiaba a rúa Primo de Rivera, hoxe Terra. Na Coruña Miguel Primo de Rivera aínda ten cinco distincións: dá nome a unha avenida, ten un retrato nun salón anexo á Alcaldía, figura nun monolito na estación de ferrocarril, Medalla de Ouro da cidade e Alcalde Honorario da Coruña.
MÁIS NOMES
En Ferrol, cunha alcaldía do PSOE, cambiaron en 1981 a rúa Enrique Salgado Torres por Xaime Quintanilla, alcalde asasinado en 1936 polo franquismo. Na Coruña Enrique Salgado Torres, falanxista e participante na represión, conserva catro distincións: Fillo Predilecto, Medalla de Ouro da cidade e dá nome a unha avenida e a un colexio.
José Fariña Ferreño, fascista e golpista, era unha persoa moi próxima a José Calvo Sotelo e totalmente implicado na preparación da sublevación do 18 de xullo de 1936. Ten Medalla de Prata da Cidade, Medalla de Ouro, ademais dunha rúa no barrio do Castrillón.
Constantino Lobo Montero foi un militar golpista. É Fillo Adoptivo e Predilecto da Coruña. O Pleno do concello das Pontes de xaneiro de 2009, con Valentín González Formoso como alcalde socialista e hoxe presidente da Deputación provincial da Coruña, acordaba retirar a este xeneral golpista a Medalla de Prata. E o Pleno de Ferrol, alcaldía do PSOE, cambiaba en 1981 a rúa Constantino Lobo por Catalunya.
Severiano Martinez Anido, militar golpista e represor, é Fillo Adoptivo e Fillo Predilecto da Coruña e ten un retrato, vestido de militar, nun salón anexo á Alcaldía no palacio municipal de María Pita. A Deputación da Coruña xa retirou en 2019 un retrato de Martínez Anido, que estaba na 2ª planta do palacio provincial.
Sisenando Martínez Yunta e Juan González-Regueral y Álvarez Arenas, militares golpistas e alcaldes da Coruña, continuaron coa represión dos traballadores do concello iniciada o 18 de xullo de 1936 con despidos, expedientes, multas, cárcere etc. a preto de 200 persoas. Os dous teñen un retrato no palacio municipal de María Pita.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.