Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2019 | Actualizada ás 14:21
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que "a estas alturas" a súa formación non percibe "movementos" que lle faga "cambiar as expectativas" e situarse a favor da investidura do socialista Pedro Sánchez.
"De momento temos unha posición distinta, dependerá das negociacións que se farán estes días cal será a posición do BNG", manifestou Pontón ao ser preguntada respecto diso nunha rolda de prensa celebrada este luns no Parlamento de Galicia.
Xa tras a reunión mantida entre a vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra, con representantes do BNG no Congreso, o deputado nacionalista Néstor Rego asegurou que o BNG está aínda "distante" de votar a favor de Sánchez ante a falta de concreción do PSOE ás reivindicacións en clave galega expostas polo seu partido.
Nesta liña, Pontón incidiu este luns que o Bloque Nacionalista Galego non pode "de ningún modo permitir que Galicia siga ninguneada". "Estamos a traballar para cambiar o papel que Galicia xoga no Estado", manifestou. "Se o goberno que se quere conformar a partir de agora quere atender esa axenda galega, nós imos ter a man tendida pero se é un goberno que continúa co guión da discriminación a Galicia, evidentemente, nós non podemos apoiar ese goberno", indicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.