Ferrol organizará varios actos para homenaxear a Carvalho Calero e Concepción Arenal

Ao primeiro dedícaselle o Día das Letras Galegas e á segunda, ao ser o bicentenario do seu nacemento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2020 | Actualizada ás 15:37

Comparte esta noticia

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, asegurou que esta cidade ten previsto desenvolver ao longo de todo o ano 2020 "unha programación con diversos actos e actividades para pór no lugar que se merecen Ricardo Carvalho Calero e Concepción Arenal", xa que ao primeiro deles dedícaselle neste ano 2020 o Día das Letras Galegas, mentres que no caso da segunda cúmprese o bicentenario do seu nacemento.

Angel Matogueira
Angel Matogueira | Fonte: Europa Press

Así, o 24 de xaneiro inaugurarase no Centro Cultural Torrente Ballester unha exposición que leva por título 'Imaxen de 100 anos', coa que se van inaugurar estes actos en memoria do profesor e escritor ferrolán Ricardo Carvalho Calero, e que permanecerá aberta ao público ata o 31 de maio.

"Nesta exposición contaremos co trinta primeiras edicións do autor, varios dos seus obxectos da súa vida persoal e académica, como un reloxo de pulseira, outro de peto ou mesmo o seu bastón persoal e que utilizou durante moitos dos anos da súa vida, ademais dun calzador, a súa medalla de cátedra ou de membro da Real Academia Galega, ademais de numerosas placas de recoñecemento da súa figura, así como outros documentos orixinais", destallou Mato.

O rexedor aproveitou para agradecer á súa familia "a súa colaboración" con eles, co Concello, "para poder organizar unha exposición digna, tal e como a súa figura se merece", apostilou.

Posteriormente, convocarase unha mesa para que "todas as entidades que estean interesadas en conmemorar a súa figura poidan participar na organización do resto de actos, tal e como nos comprometemos nunha xunta de portavoces".

Mato, asegurou que con respecto á que foi a casa natal de Carvalho Calero, que é de propiedade municipal, situada en Ferrol Vello e que apenas queda só a parcela, tras varios derrubes, o rexedor ferrolán trasladou que lle "gustaría presentar un proxecto para a súa rehabilitación e mesmo poder executalo, algo que é un desexo", detallou, ao mesmo tempo que trasladou que sería necesario "definir a que tipo de actividade destinaríase".

BICENTENARIO DE CONCEPCIÓN ARENAL

O Concello de Ferrol tamén vai realizar varios actos para conmemorar o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal, que se cumpre o 31 de xaneiro, e que consistirán nunha ofrenda floral ante a súa estatua, no barrio de Esteiro, a partir das 12,30 horas, ademais de descubrirse unha placa na súa casa natal, situada no número 177 da rúa Real, a partir das 18,30 horas, "e que é imprescindible para rememorar a veciña máis ilustre da nosa cidade", remarcou o alcalde.

Por último, ás 19,30 horas, a profesora Ana Caballé Masforroll, presidenta da Asociación Clásicas e Modernas, e recentemente Premio Nacional de Historia, impartirá unha conferencia na sede de Afundación, na praza da Constitución, xa que publicou un libro coa biografía desta ferrolá ilustre.

Neste caso, tamén está previsto convocar as entidades que queiran participar nos actos de homenaxe, destacando o alcalde de Ferrol que no caso de Concepción Arenal foron moitas as frontes que abarcou, "en aspectos filosóficos, éticos, políticos, literarios, feministas, e por tanto, para poder ser abordada desde distintos puntos de vista".

Ademais, o 30 de xaneiro, no pleno ordinario de fin de mes do Concello de Ferrol está previsto que tome a palabra a presidenta da Asociación de Traballadores Sociais de España para "facer unha declaración institucional do legado deixado por Concepción Arenal no ámbito do traballo social".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta