Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2020 | Actualizada ás 14:16
O Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello compostelán participan, xunto a outros socios de seis cidades europeas, nun proxecto para mellorar a calidade do aire nas urbes.
Diso informou a Xunta nun comunicado, no que explica que a directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Cesga, Patricia Argerey, e a directora xeral de Calidade Ambiental, María Cruz Ferreira, participaron este xoves na presentación desta iniciativa.
Baixo o nome de 'Trafair: Understandig traffic flows to improve air quality', o obxectivo deste proxecto, que está financiado polo programa europeo Connecting Europe Facility Telecomunication 2014-2020, é desenvolver servizos innovadores e sustentables que combinen datos de calidade do aire, condicións climáticas e fluxos de tráfico para producir información en beneficio da cidadanía.
"En definitiva, contribuír á mellora da calidade do aire nas cidades a través dunha ferramenta integral e rápida que permita estimar o nivel de contaminación derivada de diferentes condicións de fluxo de tráfico, permitindo así optimizar as estratexias de control", sinala a Xunta.
Segundo detallou a Administración autonómica, o Centro de Supercomputación de Galicia achega á iniciativa a súa infraestrutura de cálculo e coñecemento, unha participación que Argerey enmarca na finalidade última de traballar en beneficio das persoas e do compromiso da Xunta coa investigación e innovación responsable.
Pola súa banda, a responsable de Calidade Ambiental e Cambio Climático sinalou que, a pesar de que Galicia ten unha boa calidade do aire e conta cun dos mellores sistemas de control e vixilancia de España, é necesario traballar para mellorar de forma continua neste ámbito.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.