Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2020 | Actualizada ás 13:39
Unha muller deu a luz na madrugada deste venres no paridoiro do hospital de Verín. Trátase do cuarto nacemento desde que a Xunta de Galicia dese a orde o pasado 1 de decembro de pechar este servizo.
Ante a falta de tempo para ordenar un traslado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), o equipo de matronas e un xinecólogo do hospital comarcal asistiron o proceso. Os facultativos solicitaron ao CHUO o desprazamento dun pediatra, que chegou varios minutos despois do parto.
No que vai de mes, trátase do terceiro parto rexistrado no hospital de Verín e o cuarto desde que se ordenou o seu peche. Ademais, é o segundo nacemento no centro comarcal desde a chegada da súa nova xerente, Guillermina Agulla.
O Sergas xa anunciou a próxima reapertura do paridoiro, "previsiblemente no mes de febreiro", tan pronto como se formalice a contratación de dous pediatras para o hospital de Verín.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que as mulleres que decidan parir en Verín deberán asinar un "consentimento informado reforzado", un procedemento que se "intensificará" especificamente neste hospital comarcal unha vez se reabra o servizo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.