Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2020 | Actualizada ás 16:36
O reitor da USC, Antonio López, defendeu este luns a pertinencia dunha universidade pública e con "vocación feminista" para "lograr a igualdade efectiva" entre homes e mulleres, nun acto con motivo da festividade de San Tomé no que tamén reclamou un plan de financiamento que garanta a autonomía universitaria.
Nunha sesión celebrada na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, o reitor volveu pedir un plan plurianual de financiamento que permita facer fronte ás "necesidades reais" da institución.
"Temos claro quen somos e cara a onde imos. Queremos máis fondos e queremos poder dispor deles, de modo que nos permita atender o desenvolvemento de políticas propias. Pedimos máis autonomía a cambio dun compromiso firme e decidido de rendición de contas", sentenciou.
Lembrando a conmemoración este 2020 do bicentenario de Concepción Arenal, o reitor subliñou que a presenza de mulleres nos estamentos máis altos da carreira universitaria "é aínda moi inferior" á dos homes, á vez que cualificou de "exigua" a súa porcentaxe nos estudos de enxeñaría, tecnoloxía ou matemáticas.
Fronte a iso, o reitor urxiu a posta en marcha do III Plan de Igualdade da USC, para achegar á muller a ámbitos laborais demandados e con amplas posibilidades de desenvolvemento profesional.
A cuestión lingüística, o compromiso da USC coa promoción do galego e un recordo á figura de Ricardo Carvalho Calero, a quen a Real Academia dedica este ano as Letras Galegas, centraron outras das reflexións compartidas por Antonio López.
A continuación, o reitor fixo unha defensa da universidade pública, unha cuestión que, tras 525 anos de historia da USC, "non deixa de ser chocante" e que realiza "non porque o ensino superior estea en crise", se non polo "crecente interese que está a espertar por parte da iniciativa privada".
O impacto económico das universidades públicas españolas, que xeran 180.000 empregos directos, equivale ao 2,12% do PIB, de forma que, "por cada euro" investido polas Administracións no seu financiamento, as universidades "devolven 4,3 euros" en impostos, ademais do seu impacto social.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.