O paridoiro de Verín, aberto de novo: "Por fin volvemos á normalidade"

Guillermina Agulla, directora do centro, mostrouse "moi contenta" pola reapertura do servizo tras meses de protestas e peches. Alfonso Rueda, pola súa banda, considera que así se "cumpre co compromiso do Goberno" e o Defensor do Paciente eloxia o "excepcional traballo" da veciñanza.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2020 | Actualizada ás 12:19

Comparte esta noticia

O Hospital de Verín reabriu este luns o paridoiro, tras permanecer dous meses pechado, ao incorporar ao seu cadro unha pediatra e contar con outro profesional de garda.

Así o explicaron a Europa Press fontes da xerencia sanitaria ourensá, que aclararon que finalmente, das dúas prazas ofertadas, cubriuse unha cunha pediatra, cuxo labor será complementado cunha "columna de garda", polo que haberá un segundo profesional para a atención pediátrica.

Con respecto ao servizo, a directora do Hospital de Verín, Guillermina Agulla, mostrouse este luns, en declaracións a Europa Press, "moi contenta" de "por fin volver á normalidade" tras a reapertura este luns do paridoiro.

"Imos implantar xa unha consulta de pediatría que antes non tiñamos e poder atender as urxencias pediátricas", sinalou Guillermina Agulla. En concreto, a próxima semana haberá "por primeira vez" consultas de Pediatría.

"As urxencias serán atendidas tamén durante a noite e imos abrir durante a próxima semana as consultas de Pediatría, ademais de ter xa en marcha a de neonatos na que se lle pasa revisión ao bebé desde o momento do nacemento", explicou Guillermina Agulla.

CAPTAR OUTRO PEDIATRA

No futuro, a intención da Dirección do centro hospitalario de Verín pasa por "captar un pediatra máis e que este hospital conte realmente cun Servizo de Pediatría", anunciou Agulla. A reapertura do paritorio era a "prioridade" que Guillermina Agulla tiña cando foi nomeada xerente do hospital, tras dous meses de protestas, manifestacións e peches.

"Despois da apertura do paridoiro e de volver á realidade, cousa que nos ten realmente moi contentos, quédanos traballar intensamente noutros campos que temos que ir mellorando e potenciando neste hospital", continuou.

Manifestación en contra do peche do paridoiro no Hospital comarcal de Verín
Manifestación en contra do peche do paridoiro no Hospital comarcal de Verín

ALFONSO RUEDA CRE QUE É "UNHA BOA NOVA"

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificou como "unha boa noticia" a reapertura do paridoiro do Hospital de Verín, coa que se "cumpre o compromiso" do Goberno galego. En declaracións aos medios, Alfonso Rueda considerou esa reapertura "unha mostra de que se cumpre ese compromiso da Xunta de Galicia", ademais de "unha boa noticia".

"A Xunta dixo desde o principio que se volvería abrir o paridoiro se conseguiamos que volvese haber pediatras e, por tanto, os partos se puidesen producir coas condicións adecuadas de seguridade e iso é o que estamos a facer", engadiu o vicepresidente galego.

DEFENSOR DO PACIENTE

Pola súa banda, a Asociación O Defensor do Paciente eloxiou o "excepcional traballo" da veciñanza para lograr a reapertura do paridoiro. Segundo destacou a asociación nun comunicado, "algún gran de area tamén O Defensor do Paciente puxo para a alegría da apertura do paridoiro de Verín". "Este caso é a demostración de que o pobo pode evitar a desfeita que están a facer con nosa e exclusiva sanidade pública", sentenciou esta asociación.

CONSENTIMENTO INFORMADO

Sobre o consentimento informado para autorizar o proceso de parto no paridoiro de Verín, o Consello Galego de Colexios Médicos considera que "retorce o obxectivo" para o que foi creado.

Así o manifestou este luns o Consello Galego de Colexios Médicos a través dun comunicado, no que lembra que o consentimento informado "é unha ferramenta xa consolidada" no sistema sanitario para que os pacientes, "tras recibir unha información comprensible e suficiente, baseada no coñecemento científico e nos standares de calidade asistencial aceptados para o procedemento en cuestión, decidan autonomamente se se someten ou non a unha intervención cirúrxica, a un tratamento médico ou a unha proba diagnóstica".

"É, por tanto, unha garantía de autonomía do enfermo na toma de decisións médicas", abundou a entidade colexial, que critica que "non pode ser, en ningún caso, unha delegación de responsabilidades da Administración sanitaria, provisora do servizo, cara aos pacientes".

"E esta inédita variante de consentimento informado reforzado que se nos anuncia, retorce o obxectivo para o que foi creado, trasladando ás nais que vaian parir en Verín a decisión de facelo alí, e por tanto das consecuencias que diso poidan derivarse, nunhas condicións que foron cuestionadas por informes técnicos profesionais", reprochou o Consello Galego de Colexios Médicos.

Este Consello Galego entende que "se o Sergas asume a reapertura do paridoiro do Hospital de Verín, debe facelo desde o convencemento de ofrecer ás nais e neonatos as mesmas condicións de seguridade e calidade asistencial que no resto de paridoiros de Galicia".

"Se non está seguro diso, non debe escudarse en reforzos delegados nas familias e os médicos. Súa e só súa é a responsabilidade da reapertura. Sen reservas anticipadas nin consentimentos informados reforzados", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta