Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 07/02/2020 | Actualizada ás 22:33
A apostasía é un acto que non debera supoñer un grande esforzo para quen a solicita. Mais durante anos foi un proceso lento en que a persoa interesada estaba pendente da concesión. Hai quen apuntaba o interese das dióceses católicas en España de non perder membros fronte a unha sociedade cada día máis apartada da fe ou que abrazaba novas expresións relixiosas. Actualmente os trámites parecen estar axilizándose segundo Galicia Laica, aínda que o número de persoas que apostataron nos últimos anos non se coñece, pois os datos non foron feitos públicos polo de agora.
APOSTATAR, SAÍR DO RABAÑO
Os pasos para reclamar a apostasía son simples, recoller un certificado de bautismo na súa parroquia, unha copia compulsada do DNI e pedir ser excluído da lista de batizados no rexistro da diócese onde se estea inscrito e pedir o formulario de apostasía. E non obstante, hai moitas persoas que descoñecen os pasos para facelo. “Hai anos as dióceses poñían máis trabas, nos últimos anos as últimas experiencias de persoas que o fixeron, contan que é doado” di a coordinadora de Galicia Laica, Karina Mouriño.
Unha vez solicitada, a diócese “debería contestar por escrito, cunha certificación conforme declaran que xa non formas parte da Igrexa Católica”. Cantas persoas teñen apostatado nos últimos tempos? Non hai datos de canta xente apostata, “ a información da Igrexa Católica non é moi clara” di Mouriño, que como exemplo disto último que di sinala como o Tribunal de Contas do Estado declarou que os orzamentos e gastos da Igrexa non teñen suficiente rigor.
Existe a sensación de que cada vez se lle perde medo a un proceso que aparecía como moi farragoso, á parte que a xente cada vez é máis consciente dos seus dereitos. Sobre este punto, as asociacións como Galicia Laica, xunto con Europa Laica, realizan conferencias sobre a apostasía que explican á xente como facelo. “É un esforzo simbólico, apostatar non ten máis consecuencia que a Igrexa verá mermado o número de membros” di Karina Mouriño.
Os motivos para apostatar poden ir desde non compartir as ideas e crenzas da Igrexa como unha mostra de indignación “pola maneira que ten de actuar, contraria coas ideas que predica, como a honestidade ou o eloxio da pobreza”. Para quen apostata ás veces supón “quitar un peso de encima, unha representatividade, porque non quero que me represente unha organización coa que non estou de acordo e onde me integraron sen preguntarme” describe Mouriño.
LAICISMO E ESTADO
España é un estado aconfesional segundo a Constitución, segundo o artigo 16 no seu punto 3. O que non se menciona no documento constitucional é que sexa un estado laico. No mesmo artigo apúntase que se terán en conta as crenzas da sociedade española e haberá relacións de cooperación coa Igrexa Católica.
“Foi unha maneira de agradecerlle á Igrexa ter sido o brazo cultural do franquismo” di Mouriño. A cuestión é que desde Galicia Laica a actual situación en España, por tanto en Galicia, é unha deriva cara á multiconfesionalidade. Isto suporía un tratamento por igual a todas as confensións. Entre outros puntos, podería haber aulas doutras crenzas en centros públicos, cousa que para Galicia Laica non debera suceder, porque así sempre haberá presenza da relixión na educación pública. En 1992, de cara a un entendemento Estado-confesións relixiosas, asinouse un acordo conforme poñía ás igrexas evanxélicas, aos muslimes e xudeus ao mesmo nivel que o catolicismo, mesmo deixando exentos de I.B.I., os lugares de culto.
Por outra parte, se ben o Estado, en época franquista, tivo na Igrexa Católica unha aliada firme en trasmitir valores do réxime a todos os recunchos de España, e actualmente “tense posicionado con partidos de dereitas que ven lexitimados así algúns puntos dos seus programas políticos”. De aí, entenden tanto en Galicia como en Europa Laica, que os tratados co Vaticano case non se teñan modificado, aínda que o PSOE falou nalgún momento de revisalos.
“Insistimos que a fe, a relixiosidade e a pertenza a unha ou outra fe é unha cousa persoal, non imos contra ningunha confesión” remarca Karina Mouriño. E aínda así, existe en parte da sociedade unha visión sobre o laicismo como un movemento cara o ateísmo cando “non tes por que ser ateo para ser laico”. A día de hoxe, tanto o movemento laico como o laicismo estanse normalizando dentro da sociedade, segundo Europa Laica, mais continúa habendo confusión entre o que é este movemento e outros que promulgan unha distancia moito maior coa relixión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.