A idea de instalar parques eólicos mariños en Galicia cobra máis forza

Unha nova achega de investigadores da Universidade da Coruña propón un sistema para identificar as áreas máis adecuadas para a instalación de muíños nas augas galegas. Trátase da última contribución dunha serie de estudos técnicos, medioambientais e económicos publicados nos últimos tempos por distintos científicos sobre o potencial de Galicia para explotar enerxía eólica mariña e as vantaxes que estes parques ofrecerían.

Por Alberto Quian | Madrid | 11/02/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Desde a ciencia estanse dando os pasos previos, e máis decisivos, para a posible instalación de parques eólicos mariños en Galicia. Investigadores de diversos eidos veñen estudando o potencial e as posibilidades que ofrecen as augas galegas e a industria do país para a instalación da eólica offshore. A idea é cada vez máis plausible e probable de materializar. Cando menos, polo que se desprende dos resultados de numerosos estudos técnicos, medioambientais e económicos publicados nos últimos tempos sobre o potencial de Galicia para explotar enerxía eólica mariña e as vantaxes que estes parques ofrecerían. Agora, unha nova achega científica contribúe a seguir perfilando un futuro que pretende ser máis sustentable, no que muíños de vento e outros enxeños humanos poderían pasar a formar parte da paisaxe mariña galega.

Recreación dun parque eólico mariño flotante.
Recreación dun parque eólico mariño flotante.

Desta vez a proposta é achegada por científicos da Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña, adscritos aos departamentos de Enxeñaría Naval e Industrial, Química, e Ciencias da Navegación e Enxeñaría Mariña.

A súa idea: desenvolver unha metodoloxía que permita determinar as áreas máis adecuadas para a instalación dun parque eólico mariño, algo fundamental para a súa viabilidade económica e para garantir que non haxa impacto medioambiental negativo.

"Hai lugares onde a cantidade de vento é moi boa, pero onde hai algunhas restricións que limitan a instalación dun parque eólico flotante en alta mar”

O obxectivo, explican, foi “desenvolver unha metodoloxía para planificar un parque eólico mariño flotante utilizando Sistemas de Información Xeográfica (SIG)”. Do que se trata é de analizar as “restricións significativas” involucradas no desenvolvemento dunha instalación como esta.

En concreto, a metodoloxía baséase en dúas ferramentas. A primeira aplícase para restricións xerais: batimetría, caladoiros de pesca, fallas sísmicas, áreas mariñas protexidas, corredores de navegación e as condicións dos fondos mariños. Deste xeito, trázanse en mapas as áreas restrinxidas e non restrinxidas.

A segunda ferramenta, tendo en conta os resultados obtidos coa primeira, considera as restricións relacionadas con portos e estaleiros, é dicir, sinala cales son as instalacións en terra que mellor servizo prestarían –por capacidade e localización– para a construción, traslado, instalación e mantemento do parque eólico mariño.

Como último paso, únense todas as restricións calculadas e introdúcense os índices económicos seleccionados (taxa interna de retorno, custo nivelado de enerxía, valor actual neto, prazo de recuperación descontado ou outro), resultando así os mapas económicos, coas áreas recomendadas e restrinxidas para a instalación dos muíños.

Nos mapas resultantes, a maior franxa sen restricións atópase na parte noroeste, fronte ás cidades de Ferrol e A Coruña

“Esta ferramenta é útil para seleccionar localizacións onde se poida desenvolver un parque eólico mariño flotante. Por tanto, as empresas ou os gobernos poden usar a ferramenta para recoñecer as limitacións dunha área en particular. Neste sentido, hai lugares onde a cantidade de vento é moi boa, pero onde hai algunhas restricións (aspectos legais, estratéxicos ou ambientais) que limitan a instalación dun parque eólico flotante en alta mar”, expoñen os investigadores.

Aplicándose todas as restricións, nos mapas resultantes obsérvase que a maior franxa sen restricións se atopa na parte noroeste, fronte ás cidades de Ferrol e A Coruña. Tamén existen importantes áreas fronte a Costa da Morte e a ría de Muros e Noia, e entre a ría de Vigo e a fronteira con Portugal. Unha franxa máis estreita móstrase entre as rías de Pontevedra e Arousa, ademais de pequenas zonas na área da Mariña lucense. As áreas restrinxidas ocupan practicamente todo o litoral galego e grandes masas de auga no noroeste mar adentro.

Para calibrar un caso concreto, os científicos consideraron a instalación dun parque eólico mariño flotante composto por 21 turbinas eólicas de 5.075 MW, 126 metros de diámetro de rotor e 90 metros de altura da torre. Por tanto, a potencia total da granxa é de 107 MW. A seleccionada é unha plataforma flotante semisomerxible en alta mar con tres columnas, 76 metros de lonxitude e 12 de calado, estando a turbina eólica situada no centro da plataforma.

Con todo, aclaran os autores do estudo, o usuario da súa metodoloxía podería cambiar as características do parque para obter resultados adaptados ao seu proxecto.

Os resultados veñen de publicarse na revista científica Marine Policy, nun traballo titulado 'Managing the oceans: Site selection of a floating offshore wind farm based on GIS spatial analysis'.

AUXE DE PROPOSTAS

A idea de instalar parques eólicos en augas de Galicia segue, así, cobrando forza. Son xa varias as propostas e diversos os estudos técnicos, medioambientais e económicos publicados nos últimos tempos sobre o potencial de Galicia para explotar enerxía eólica mariña e as vantaxes que estes parques ofrecerían, seguindo os pasos dados en Escocia –país pioneiro na instalación deste tipo de parques– e Portugal.

Os investigadores dos departamentos de Química e de Enxeñaría Naval e Industrial da Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña, en Ferrol, xa presentaron en 2018 outro estudo no que analizaron os custos que tería a instalación da primeira granxa flotante en augas galegas e aconsellaban un "parque grande de máis de 100 MW".

Neste caso, os expertos centráronse na análise da influencia económica do tamaño dos parques eólicos mariños flotantes, propoñendo a instalación dun en Galicia, "onde o recurso eólico é óptimo para este tipo de tecnoloxías", xa que "esta rexión conta cos mellores valores de velocidade eólica mariña da Península Ibérica".

En termos de custo nivelado de enerxía, determinaron que a mellor estrutura flotante para augas galegas é a plataforma semisomerxible (proposta tamén no último estudo como modelo). "Este valor redúcese ao redor dun 21% cando a potencia total da granxa se incrementa para todos os tipos de plataformas e granxas", salientaron os autores.

Investigadores das universidades de Vigo, A Coruña e Aveiro identificaron as zonas máis aptas para a instalación de muíños no mar no nordés de Galicia e ao sur da ría de Vigo

Tamén en 2018, investigadores do EPhysLab (Laboratorio de Física Ambiental) da Universidade de Vigo, do Observatorio do Litoral da Universidade da Coruña e do CESAM (Centro de Estudos do Ambiente e do Mar) da Universidade de Aveiro (Portugal), identificaron as zonas máis aptas para a instalación de muíños de vento no mar no nordés de Galicia e ao sur da ría de Vigo, baseándose nas restricións lexislativas, as posibilidades tecnolóxicas e o potencial enerxético. E aconsellaban non instalar parques preto da costa para evitar impactos ambientais e visuais.

Con todo, "a maior densidade de potencia eólica identificouse na zona noroeste, desde Cabo Fisterra ata Cabo Ortegal, onde hai pequenas zonas sen restricións legais ou técnicas que se atopan preto de varias zonas protexidas (como unha reserva mariña, unha área con protección especial e un humidal e a súa zona de influencia), facendo necesario unha análise máis profunda dos impactos específicos de cada proxecto na avaliación de impacto ambiental", detallaron os autores deste estudo.

En outubro de 2016, un equipo do Centro de Engenharia e Tecnologia Naval e Oceânica (CENTEC), do Instituto Superior Técnico de Lisboa, publicou tamén un estudo sobre a viabilidade dun parque eólico mariño en augas galegas. As súas conclusións foron claras: "Investir nun parque eólico offshore segue sendo un investimento de alto risco en comparación cos asentados parques onshore [en terra]".

Os expertos do CENTEC fixeron tamén un estudo preliminar da localización óptima e das características xerais que debería ter un parque eólico en alta mar na costa norte de Galicia. O lugar elixido, neste caso, foi Ferrol. Para isto, ponderaron os requisitos ambientais e técnicos para elixir a mellor localización, determinaron as características técnicas do complexo eólico e calcularon os custos de desenvolvemento, construción e instalación.

Ao igual que os investigadores das universidades de Vigo, A Coruña e Aveiro, os científicos do CENTEC partiron da base de que "a batimetría do fondo mariño e os ventos predominantes constitúen características prometedoras para a explotación da enerxía eólica mariña" en Galicia. A partir de aquí, propuxeron unha localización baseándose nunha serie de requisitos relativos á súa viabilidade: recursos eólicos dispoñibles, impacto ambiental, profundidade do océano, distancia á costa, distancia á subestación, proximidade ao estaleiro e as instalacións de subministración, e harmonización con outras actividades. Cos datos analizados, consideraron que "un emprazamento que cumpre cos requisitos" esixidos atópase "na costa de Ferrol (43º50' N, -8º50' O)", aportaron.

Outros investigadores propuxeron a instalación en Burela da primeira granxa de ondas en Galicia para explotar a enerxía undimotriz

Outro estudo realizado por profesores do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), publicado en 2017, concluíu que a enerxía eólica mariña é unha "alternativa clave para diversificar o mix enerxético español", así como "un motor económico" para crear emprego –"a maioría no sector industrial"– que permitiría "compensar o estancamento do sector eólico en terra" ao "aproveitar a experiencia tecnolóxica e os coñecementos técnicos previos". 

De igual xeito, investigadores do Departamento de Enxeñaría Industrial da Universidade da Coruña presentaron tamén en 2017 un novo modelo analítico para avaliar o emprego directo xerado polas centrais eléctricas renovables e non renovables. O obxectivo foi axudar ao proceso de toma de decisións no campo da política enerxética. Os resultados demostraron que a eólica en terra é unha das alternativas "con menor creación de postos de traballo". Porén, a outra alternativa eólica, a offshore (no mar) "obtivo resultados mellores que a opción da tecnoloxía terrestre". Por que? Porque "as actividades de construción, instalación e desmantelamento que se realizan requiren un número maior de empregados", sublíñase no estudo

Por outro lado, investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Plymouth (Inglaterra) propuxeron para Burela outra alternativa de renovables mariñas: a creación da primeira granxa de ondas en Galicia para explotar a enerxía undimotriz (a producida polo movemento das ondas do mar). 

Precisamente, outro estudo, neste caso unha tese doutoral defendida na Universidade de Santiago, concluíu que o uso e o aproveitamento conxunto de dúas enerxías renovables como son a eólica e a undimotriz reduce á metade os custos de produción

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 MarianoOrn

Hai que empregar máis enerxía renovable.