A Audiencia da Coruña rexeita o cambio de cidade de dous menores realizado pola nai tras o divorcio

A proxenitora levou ás dúas nenas a outra cidade e matriculounas nun colexio "sen consentimento nin coñecemento" do pai.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2020 | Actualizada ás 11:37

Comparte esta noticia

A Sección Terceira da Audiencia Provincial da Coruña confirmou o auto do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Arzúa que rexeitaba autorizar o cambio de colexio de dous menores ao proxenitor que ten a súa garda e custodia de forma provisional, a súa nai, mentres se tramita o proceso de divorcio. Ademais, esíxelle que as escolarice no mesmo centro escolar no que estaban.

"Non se acomoda ao réxime de provisionalidade da garda e custodia que decida, sen coñecemento nin consentimento do outro proxenitor e cotitular da patria potestade, unha alteración tan importante na vida das menores como é mudarse de núcleo poboacional (onde tiñan as súas amizades e familia extensa, onde cursaran os seus estudos ata ese momento) para pasar a residir nunha capital de provincia onde non coñecen a ninguén, carecen de familia, sen amigos e sen traballo, empezando nun colexio totalmente novo", indica a Audiencia na resolución.

Ademais, no fallo destaca que a recorrente "debía de ser consciente de que o sistema de garda e o réxime de visitas podía ser alterado en poucos meses".

En concreto, o relato de feitos do auto sinala que en 2013 esta parella contraeu matrimonio e en 2018 tramitaron o divorcio, tras o que en xullo de 2019 a nai cambiou de domicilio a unha cidade "distante algo máis de 50 quilómetros" e levou as nenas e matriculounas nun centro escolar "sen consentimento nin coñecemento" de pai.

O tribunal considera que ao cambiar de domicilio a nai das nenas, próximas a cumprir os 7 e 5 anos, "interpuxo o seu persoal interese, o seu desexo de marcharse da poboación onde residira co outro proxenitor, e á que aparentemente nada lle ataba, para desvincularse del".

A Audiencia da Coruña sostén que, desa forma, está "a xerar unha situación de desarraigamento das menores, separándoas da súa familia paterna extensa e dos seus amigos e compañeiros colexiais". "O interese superior das menores, neste momento, é permanecer na mesma situación en que se achaban, polo menos ata as medidas definitivas", recalcan os xuíces na resolución.

A Audiencia asegura que, "salvo que se acreditase un claro prexuízo, un concreto perigo para a integridade física ou psíquica das nenas, non pode considerarse que sexa no seu interese esa separación forzosa do seu pai e familia paterna".

"FEITO CONSUMADO"

Tamén indica que a medida de cambio de domicilio e de centro escolar "non foi solicitada ao outro cotitular da patria potestade, senón que se lle impuxo como feito consumado, cando se sabía que en poucos meses íanse a adoptar medidas definitivas".

"E afástase ás nenas do seu mundo, da súa poboación, da súa familia paterna extensa (a materna non reside en España), das súas amizades, dos seus profesores e do seu centro escolar", reflicte a resolución xudicial.

Audiencia Provincial da Coruña.
Audiencia Provincial da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta