Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 03/03/2020 | Actualizada ás 14:15
O Mecanismo Nacional de Prevención contra la Tortura, MNP, dependente da oficina del Defensor del Pueblo, realizou en setembro de 2017 un percorrido polas instalacións do Hospital Psiquiátrico de Conxo. Dentro da visita realizada polo MNO, fíxose fincapé na necesidade de crear unha serie de rexistros tanto dos historiais de cada usuario e usuaria, das visitas que se realizan e por último: “Solicitouse copia da documentación relacionada coas contencións mecánicas realizadas en 2017-2019. Obsérvase que non son debidamente anotadas”. A isto súmaselle que o perfil do centro de Conxo non se achega á concepción actual das unidades de atención psiquiátrica. Engade tamén o MNP que o hospital psiquiátrico é utilizado como centro residencial de saúde mental de longa duración para persoas con transtorno mental grave.
O ÚLTIMO RECURSO
A contención mecánica ou física enténdese como a utilización dun dispositivo físico e/ou mecánico para restrinxir os movementos dunha parte do corpo, ou da súa totalidade. Teoricamente, búscase a prevención daquelas actividades físicas que poden poñer en risco ou perigo de lesión á persoa enferma ou a outras persoas da súa contorna.
O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) considera que este tipo de mecanismos deberan ir suprimíndose paulatinamente, ou ben eliminalos totalmente. Aínda máis, a contención mecánica xa non é considerada unha solución terapéutica, “é unha acción totalmente obsoleta e cando se aplica hai que velo desde unha perspectiva crítica e previr outros casos” di Rosa Cerqueiro do MGSM.
“Hai que crear un plan de contencións cero mediante un traballo a medio e longo prazo en formación do persoal” di Cerqueiro. O obxectivo da formación buscaría “a contención verbal mediante a redución dos estados de nerviosismo, ansiedade e axitación da persoa usuaria”. Ao mesmo tempo son necesarios cambios estruturais na unidade para crear lugares onde a persoa se tranquilice pouco a pouco.
CONFLITO DE COMPETENCIAS?
O Defensor del Pueblo, e con el o MNP, é o mecanismo designado para a vixilancia e prevención contra a tortura por ter as competencias neste campo. O labor consiste en visitar centros de privación de liberdade ou en condicións parecidas. A oficina da Valedora do Pobo galega, durante a visita do MNP a Conxo, fixo un acompañamento mentres durou a avaliación do hospital psiquátrico por parte do organismo estatal.
Houbo conflito de intereses entre a administración central e a autonómica? Non parece. “Sorprende canto tardaron en dar resposta” desde a Xunta, sinala Rosa Cerqueiro. O Defensor del Pueblo é un organismo independente que non se debe a ninguén. “As administracións e organismos a quen se lle pide documentación, están obrigados a responder e entregala”.
No caso de Conxo, a resposta da Xunta ademais de lenta foi, para o MGSM, sorprendente porque “parece que primeiro respondeu a un medio de comunicación antes que ao organismo que lle pide información”. Máis adiante, Cerqueiro sinala que o goberno autonómico respondeu e aceptou “suxestións, cousa que indica a presenza de problemas dentro do hospital psiquiátrico”.
A primeira visita a Conxo foi en 2017. En 2018, foi recomendado un plan de readaptación da parte material e funcional das instalacións. En setembro de 2019, o MNP fai unha reavaliación do documento e piden o rexistro dos últimos anos de contencións, “pedían unha resposta para o mes de outubro, estamos en febreiro de 2020” apunta Cerqueiro. A día de hoxe, algunhas das suxestións do Defensor están por responder, incluídas as recomendacións para a mellora das instalacións.
CAMBIO DE MODELO E MÁIS RECURSOS
A maior parte dos cambios que, segundo o MGSM, se deberan realizar dentro do sistema de sanitario galego sobre saúde mental, pasarían por un cambio de modelo. “É cuestión de vontade política que se traslade ao novo plano de Saúde Mental de Galicia”, un documento “que estamos esperando a súa publicación e aínda non apareceu”.
A concepción da saúde mental en Galicia, segundo Cerqueiro, ten unha tendencia “a deixar facer, cun modelo que leva moitas décadas, seguen un modelo por inercia”. A contención e outras vías de actuación semellantes, forman parte desa inercia. “Habería que seguir a normativa dos últimos anos da OMS, ONU e outros organismos que apuntan a eliminación desas prácticas”. Isto levaría a aplicar a normativa internacional asinada por España.
Desde o gabinete de prensa do Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), centro desde onde se leva a xestión do Hospital Psiquiátrico de Conxo, comunicouse a Galicia Confidencial que si existe un rexistro das contencións mecánicas que se fan no hospital. Aclaran que é un rexistro electrónico vinculado ao historial único de cada usuario. Este rexistro será subido ao sistema IANUS do SERGAS para un mellor acceso. Actualmente, o rexistro de contecións estaba noutra plataforma interna do sistema de enfermaría.
Doutra banda, desde o mesmo gabinete informaron que a Consellería de Sanidade recibira un comunicado por parte do Defensor del Pueblo. No documento agradecíase a colaboración da Consellería en relación á resposta de recomendación para implementar o sistema IANUS. Finalmente, tamén se comunicou desde o SERGAS que o Defensor del Pueblo daba por finalizado o prazo de aplicación de recomendacións.
Non obstante, o Defensor del Pueblo, desde o seu servizo de prensa, indicaba que o expediente segue aberto. Isto será así ata que a institución estime oportuno pechalo. Explican que as recomendacións desta oficina non teñen que ser de obrigado cumprimento, mais ao ver que algunhas foron rexeitadas e outras están por cumprir e sen resposta, esperarán un tempo ata ver como evolucionan as diferentes propostas. De momento, aclaran, a actuación segue aberta.
O investimento para un novo modelo de tratamento que aborde a saúde mental, non tería que levar unha cantidade inxente de diñeiro público, segundo profesionais do sector. Si sería necesario aumentar os cadros de persoal como psicólogos, psiquiatras, persoal de enfermaría especializado e instalacións axeitadas á nova realidade. Entre isto último estarían pisos tutelados, miniresidencias ou residencias da terceira idade. Existen iniciativas como as apuntadas, mais en moitas ocasións, son levadas por asociacións de familiares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.