O xuíz do 'caso Villarejo' imputa por suborno a un directivo da construtora San José

A peza sobre a construtora galega abriuse a partir da existencia de indicios que apuntaban a que se recorreu ao comisario para espiar xornalistas de 'La Voz de Galicia' no marco da información que manexaban os redactores sobre a concesión de licenzas para levantar parques eólicos hai unha década.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 19/02/2020 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

O titular do Xulgado Central de Instrución número 6, Manuel García Castelló, imputa formalmente ao director de Prevención, Seguridade e Patrimonio do Grupo San José, José Antonio Carpintero, por un delito de suborno activo, no marco da peza 16 do 'caso Tándem' na que se investigan os 'servizos' que ofrecía a empresa do comisario xubilado e en prisión provisional José Manuel Villarejo á construtora.

No auto, o xuíz da Audiencia Nacional cita a Carpintero para tomarlle declaración en condición de investigado. Ademais, tamén cita a Villarejo, ao que lle imputa formalmente a súa participación nun delito de suborno pasivo, e ao socio do comisario na empresa Cenyt, Rafael Redondo, polo mesmo delito.

O maxistrado decreta tamén o levantamento do segredo das actuacións ao ter cariado as circunstancias que o aconsellaban e entendendo que o coñecemento do actuado polas partes non prexudicará a investigación en curso.

En concreto, a investigación sobre o Grupo San José, que conforma a peza separada número 16 da macrocausa, xorde a partir do achado de documentación nos materiais intervidos a Villarejo tras a súa detención en novembro de 2017.

Tal e como adiantaba este martes 'El Confidencial', a peza sobre a construtora galega abriuse a partir da existencia de indicios que apuntaban a que se recorreu ao comisario para espiar xornalistas de 'La Voz de Galicia' no marco da información que manexaban os redactores sobre a concesión de licenzas para levantar parques eólicos hai unha década.

Esta é a segunda peza da que se levanta o segredo neste mes de febreiro, despois de que o maxistrado García Castelló decidise alzalo na peza 9 na que se instrúe a relación das empresas do comisario retirado co BBVA.

Villarejo
Villarejo | Fonte: moncloa.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta