O Salón Teatro de Santiago estrea este venres 'Os nenos da varíola'

A novela homónima de María Solar cobra vida sobre as táboas para recuperar as historias dalgúns dos protagonistas da Expedición Balmis, grazas á que a vacina da varíola chegou a América e a Asia desde A Coruña.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2020 | Actualizada ás 17:08

Comparte esta noticia

O espectáculo 'Os nenos da varíola', da compañía Pérez&Fernández en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), estréase este venres, día 28, no Salón Teatro de Santiago, onde poderá verse ata o 1 de marzo.

Con iso, a novela homónima de María Solar cobra vida sobre as táboas para recuperar as historias dalgúns dos protagonistas da Expedición Balmis, grazas á que a vacina da varíola chegou a América e a Asia desde A Coruña.

Acontecementos históricos, tenrura e humor mestúranse na proposta que codirixen Xosé Leis e Victoria Pérez, ademais de interpretala xunto a Isabel Risco e Manu Fernández no espazo escénico deseñado por Montse Piñeiro e José Faro, e con vestiario de Mar Fraga.

O eixo central da historia é a vida dos 22 nenos que participaron na Real Expedición Filantrópica da Vacina, que en 1803 embarcaron no navío María Pita e aos que se foi inoculando o virus nunha cadea humana 'brazo a brazo' para levar a inmunización a América e Asia.

Tanto a novela como a súa adaptación teatral pon énfase no papel que xogou nesta expedición unha das súas protagonistas máis esquecidas: Isabel Zendal, reitora da Casa de Expósitos da Coruña, da que procedían a maior parte dos nenos da expedición e entre os que se atopaba o seu propio fillo.

As entradas para as funcións de 'Os nenos da varíola' en Santiago (venres e sábado, ás 20,30 horas, e o domingo, ás 18,00 horas) xa están á venda na web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro.

Tras o seu paso por Santiago, o espectáculo iniciará a súa xira polos escenarios galegos, con próximas paradas previstas o 22 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense e o 17 de abril no Fórum Metropolitano da Coruña.

Teatro María Casares. REMITIDA - Arquivo
Teatro María Casares. REMITIDA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta