Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2020 | Actualizada ás 18:55
A asociación Xornalistas Galegas instou aos representantes políticos a respectar a conciliación horaria na planificación das convocatorias de prensa, especificamente nos casos de actos institucionais ou políticos que non esixen horarios extraordinarios.
Así o demanda nun comunicado remitido aos medio con motivo da celebración do próximo Día da Muller o próximo 8 de marzo e no que informou de que se suma ás reivindicacións do feminismo galego por esta efeméride.
Entre as demandas de maior urxencia que presenta o colectivo destaca o chamamento á representación política a garantir o cumprimento das leis vixentes en materia de igualdade e violencia de xénero que, segundo denuncia, se vulneran de forma sistemática na realidade informativa galega.
En concreto, Xornalistas Galegas reclama o cumprimento da Lei de igualdade nos medios públicos autonómicos así como do artigo 9 da Lei de violencia de xénero de Galicia que explicita as obrigacións dos medios de comunicación nesta materia.
Así, a asociación pide que se habiliten os mecanismos de control necesarios para que a produción xornalística cumpra coas esixencias legais como o "especial coidado no tratamento gráfico da información" ou que "as informacións relativas á violencia sobre a muller velen polo dereito á intimidade das vítimas e das súas fillas e fillos".
En canto á responsabilidade das propias empresas de comunicación, a asociación demanda o impulso da figura editora de xénero nos medios, outorgando así a transversalidade necesaria á perspectiva igualitaria nos contidos.
Ademais, lembra a necesidade de impartir formación específica nas redaccións sobre igualdade, feminismo e tratamento informativo de violencia de xénero e de fomentar a presenza de firmas femininas nas seccións de opinión que teñen especial incidencia na creación de conciencia social.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.