Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/03/2020 | Actualizada ás 14:43
Empregados e empregadas da residencia para maiores de Ribadumia, pertencente á compañía Domusvi, concentráronse este xoves diante da Casa Consistorial para reclamar melloras laborais e de atención ás persoas usuarias. A concentración está convocada por TReGa (Traballadoras de Residencias de Galicia) e pola asociación de familiares de usuarios e usuarias Vellez Digna.
Desde TReGa denuncian a política de redución de custes en detrimento da calidade do servizo na residencia. Engaden que hai empregadas obrigadas a traballar dez días continuos sen libranzas “indo en contra do que estipula o convenio colectivo”, segundo denuncia TReGa. Tampouco se lles retribúen os días traballados así como tarefas realizadas por persoal non cualificado para ditos traballos.
Pola súa parte, a asociación de familiares de usuarios e usuarias, Vellez Digna, apuntan a falta de espazos suficientes para a conviencia, inexistencia de programas e talleres de estimulación para residentes con grao avanzado de dependencia. Sinalan tamén a opacidade da dirección da Residencia e da empresa no relativo á relación entre as persoas usuarias e os familiares.
O xeriátrico de Ribadumia pertence á rede de centros que xestiona a empresa Domusvi e conta con 152 prazas. En xaneiro de 2019 o Xulgado número 3 de Cambados abrira unha investigación por presunto homicidio imprudente logo da morte dunha usuaria de 85 anos. Logo de ser encontrada tirada no chan do seu cuarto e volta a ser colocada na súa cama, catro horas despois, o persoal da residencia veu que estaba cuberta de vómito. A usuaria foi levada ao Hospital do Salnés onde non se puido facer nada pola súa vida, pois estaba clinicamente morta.
Desde o verán de 2019 aumentaron as denuncias de familiares de persoas usuarias e do persoal de Domusvi ante os departamentos autonómicos de Inspección, Política Social e Traballo “sen resultados positivos” sinalan desde un comunicado os convocantes da concentración en Ribadumia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.