Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2020 | Actualizada ás 18:34
O BNG puxo "en marcha" a súa maquinaria municipal para o 5 de abril cunha reunión da portavoz nacional e candidata á Xunta, Ana Pontón, e representantes municipais, incluídos os alcaldes nacionalistas. Tras ela, a líder do Bloque tamén pediu un novo modelo de financiamento local, vinculado a un concerto económico para Galicia como o do País Vasco.
Ana Pontón, que exhibiu o seu "orgullo" por poder comparecer "rodeada" de alcaldes e alcaldesas e representantes municipais, tomou o "exemplo dos concellos transformadores e innovadores" para pór en valor o potencial do BNG e a "fortaleza" que esta formación presenta ás eleccións autonómicas.
A líder nacionalista subliñou que se presentan "solucións propias pensadas desde Galicia, pero mirando o que pasa no mundo. "Somos capaces de cambios transformadores", incidiu Pontón, quen dixo que "é clave unha Galicia gobernada desde Galicia".
En nome dos representantes locais, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, manifestou que os concellos nacionalistas están "esperanzados" nun "cambio" o próximo 5 de abril, para que haxa un goberno que "trate igual" a todos os concellos do país.
En todo caso, indicou que a reunión deste mércores serviu para pór en común a "preocupación" dos representantes municipais pola crise do coronavirus e sinalou que se pon a disposición da Xunta para "seguir as indicacións e colaborar no que sexa necesario" de forma "absolutamente leal".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.