A caída do mito de Juan Carlos de Borbón

De non existir a grave crise sanitaria -con todas as importantes secuelas sociais, económicas e políticas- que estamos a vivir, a actualidade política española sufriría un shock de gran impacto como consecuencia do comunicado emitido pola Casa Real para dar conta da retirada da asignación económica pública ao anterior monarca e a renuncia do actual xefe do Estado á herdanza paterna que puidese corresponderlle.

Por Xesús Veiga | Compostela | 21/03/2020

Comparte esta noticia

Este anuncio oficial revela que a Casa Real dá  verosimilitude ás informacións -e ás primeiras actuacións xudiciais orixinadas polas mesmas- que establecen a participación de Juan Carlos de Borbón en prácticas financeiras presuntamente ilegais e, en todo caso, incompatíbeis co máis elemental criterio de comportamento ético esixíbel a unha persoa da súa condición. O actual Rei decide establecer un público e notorio cortalumes co seu proxenitor para tratar de minimizar a contaminación deses feitos sobre a propia institución monárquica.

A gravidade deste asunto é innegábel e vai requirir actuacións específicas no ámbito xudicial e no das institucións políticas. Non se pode entender, nun sistema democrático, que unha crise desta natureza non se poida abordar e investigar no seo do poder lexislativo, peza básica do edificio representativo da soberanía popular. Non estamos ante as peripecias protagonizadas por un cidadán calquera senón pola persoa que ocupou -dende 1976 ate o ano 2014- o cimo da pirámide xerárquica vixente no Estado español.

Cando se coñeceu a participación de Iñaki  Urdangarín en diversos casos de corrupción, as persoas máis  descridas tiveron que admitir -alén das incidencias concretas dos procedementos penais- a existencia dunha grave patoloxía moral no interior das  elites españolas. O caso do chamado Rei emérito ratifica a enorme dimensión do sucedido. Asistimos ao espectáculo dunha cobiza desmedida sumada á convicción de posuír unha impunidade baseada nos silencios cómplices rexistrados no  establishment económico, político e mediático.

Para millóns de habitantes do Estado español derrubouse o mito do Rei que pilotou unha exemplar transición dende a ditadura franquista ao réxime constitucional de 1978. As persoas que entón desexabamos un sistema de goberno republicano nunca nos puidemos imaxinar que a maior crise  reputacional da monarquía chegaría polos carreiros que estamos a coñecer. Certamente, a historia non está escrita para sempre.
 

Juan Carlos I, en Vigo.
Juan Carlos I, en Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.