Denuncian o "abandono" de traballadores de ETT, que quedan fóra dos ERTE, con contratos suspendidos e sen paro

CC.OO. presentaron unha primeira denuncia contra Adecco ante a Inspección de Traballo.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 24/03/2020 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

Os sindicatos galegos denunciaron este martes a situación de "abandono" e "desamparo" dos traballadores contratados a través de Empresas de Traballo Temporal (ETT) que, ante a onda de expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) debido á crise do coronavirus, están a verse abocados a irse ás súas casas, sen poder acollerse a esas regulacións e, en moitos casos, cos contratos suspendidos, polo que tampouco poden cobrar o paro.

Adecco.
Adecco.

Así o trasladou CC.OO. Industria, que presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo por esta situación. Segundo comunicou o sindicato, as ETT "deixaron en suspenso os contratos de traballo do persoal contratado e cedido", aplicando "unha cláusula ilegal, abusiva e discriminatoria recollida nos contratos de traballo que viñan celebrando".

Por iso, presentaron esa primeira denuncia, contra a empresa Adecco, que opera en varias empresas do sector industrial, sobre todo en automoción, como Denso, Plastic Omnium, TI Automotive ou Adhex. Esta ETT remitiu, segundo CC.OO., unha carta aos seus traballadores, na que lles informa da suspensión do seu contrato, "por tanto, quedan sen emprego, sen soldo e sen dereito a paro", aínda que seguen vinculados á ETT.

Deste xeito, este colectivo, "xa de seu discriminado", queda "na peor situación posible", tras a aplicación desta práctica que o sindicato cualifica como "un intento de destrución de postos de traballo, camuflado nunha armazón de cláusulas e diferentes combinacións de leis e convenios" que, apuntaron, "puidesen parecer legais" pero incumpren a lei 14/1994 e o Real Decreto de medidas para facer fronte ao impacto da crise do coronavirus.

Esta situación afecta a miles de traballadores en toda Galicia e, segundo o último estudo de CC.OO., elaborado en 2019, só na provincia de Pontevedra había uns 4.500 empregados contratados por ETT (a metade no sector de automoción).

Este sindicato anunciou que seguirá solicitando información e non descarta ampliar o número de denuncias, ante un problema que se estende a todo o territorio español e que tachou como "vergoñoso" porque pretende facer pagar esta crise "aos traballadores máis desprotexidos".

Na mesma liña, o responsable de Industria en UGT Vigo, Rubén Pérez, sinalou que esta central está a solicitar datos e en contacto con traballadores de ETT que denuncian precisamente eses "abusos". "As empresas que suspenden produción non os inclúen nos seus ERTE porque, formalmente, non están no seu persoal, e suspéndenlles contratos", lamentou.

Pérez explicou que o "desamparo" deste colectivo "está a ser un problemón", xa que afecta a un número moi elevado de traballadores, e incidiu en que, "como mínimo", debe conseguirse que non lles suspendan os contratos e poidan cobrar a súa prestación por desemprego.

O responsable da CUT, Ricardo Castro, lamentou que estes empregados son "a subclase dos traballadores", que non teñen "ningún dereito" e están sometidos aos abusos das ETT e das empresas nas que desempeñan o seu labor. A ese respecto, denunciou tamén que se faga pagar a crise económica derivada do coronavirus "aos máis débiles".

De igual modo, a CIG denunciou a situación destes traballadores e lembrou que, no caso da comarca de Vigo, "advertiuse en numerosas ocasións á Inspección de Traballo" das condicións deste colectivo, segundo apuntou o responsable de Industria, Xulio Fernández.

Os traballadores das ETT, engadiu, "van ser os grandes prexudicados" desta crise motivada polo coronavirus, e sinalou que os empregados aos que se suspenden os contratos, "na práctica, son suxeitos de despedimentos" e, como tales, deberían ser compensados e poder ter prestacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta