Por E.P. | PONTEVEDRA | 03/04/2020 | Actualizada ás 20:10
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, instou ao titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, a convocar as catro deputacións nunha reunión telemáticas para "poder anticiparse en tomar decisións e novas medidas" á evolución da pandemia.
Despois de que Feijóo declarase que Galicia espera chegar ao pico da curva de contaxios durante o mes de abril, a presidenta da provincia pontevedresa considera necesaria esta reunión, segundo explicou nun comunicado este venres.
Así llo trasladou ao presidente nunha misiva "con ánimo e afán de cooperación". Na carta sinalou a "preocupación, inquietudes e temores que moitas familias, concellos ou persoal traballador" de hospitais, centros de maiores e ONGs están trasladado á Deputación.
Cre que estas entidades provinciais deben "ter a máxima información posible" para "poder avaliar adecuadamente a situación e poder tomar decisións de forma anticipada"; polo que é fundamental "coñecer os plans de continxencia autonómicos para UCIs, hospitais e centros de maiores".
Para todas estas dúbidas, Silva apelou ao presidente galego a dar respostas "acertadas e coordinadas" e pediulle que "lidere unha información transparente e marque as liñas de coordinación de todas as administracións públicas, para transmitir tranquilidade ao conxunto da cidadanía".
SECTOR TURÍSTICO
Por outra banda, no día de hoxe a titular da Deputación de Pontevedra mantivo unha reunión virtual coa Rede de Destinos Turísticos Intelixentes na que pediu a "implicación das administracións autonómicas na recuperación do sector turístico".
Desta maneira, Silva explicou que remitirá unha solicitude á Consellería de Turismo para que convoque os destinos galegos e informe dos plans que a Xunta vai liderar para dar resposta á situación.
"É o momento de ser proactivas e proactivos en traballar para debuxar cal vai ser o futuro do sector turístico a curto, medio e longo prazo", destacou Silva a este respecto. "Debemos preguntarnos que van demandar as persoas visitantes despois desta pandemia e prepararnos, desde o mundo local, provincial, autonómico e estatal, para responder a estas novas demandas".
Por iso, Silva apunta á implicación da Xunta "con ideas e recursos, con propostas de futuro que permitan empuxar e reconducir esta situación tan dura para o sector turístico".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.