Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2024 | Actualizada ás 18:39
A executiva do PSdeG proporá celebrar o XV Congreso Nacional, máximo órgano de decisión do partido, os días 8 e 9 de marzo na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. A data, na que os socialistas aspiran a pór o foco na igualdade, coincide coa celebración do Día Internacional da Muller.
Avanzouno este luns en rolda de prensa o portavoz da executiva dos socialistas galegos, Xullo Torrado, que detallou que a proposta terá que ser aprobada o vindeiro sábado, día 21 de decembro, polo Comité Nacional, máximo órgano de decisión entre congresos.
O XV Congreso Ordinario do PSdeG incluirá a celebración de primarias, cuxo calendario sairá aprobado do Comité Nacional e que, en todo caso, tal e como avanzou Torrado, empezará a desenvolverse a partir do parón do Nadal.
O obxectivo, segundo indicou, é que sexa un "congreso amplo, aberto, transparente, libre e sen caneos curtos". "Sen estrujar o calendario para aproveitarse das oportunidades", manifestou para pór en valor que a cita debe de servir para o debate "con tempo" no seo da militancia socialista sobre as propostas ideolóxicas e os órganos de dirección.
"A proposta da executiva é de facelo con amplitude, para que sexa o máis garantista posible", insistiu sobre este conclave do que, ademais da renovación da dirección do partido, sairá o documento marco que marcará a folla de ruta da formación de face aos próximos anos.
FOCO NA IGUALDADE
"Será o congreso da igualdade porque cremos que é o momento de falar dos problemas da desigualdade que existen en Galicia", destacou o portavoz da executiva socialista, que se referiu a a desigualdade no acceso aos dereitos, á desigualdade de oportunidades, ás desigualdades que un galego ten en función de en que parte de Galicia vive.
E é que Torrado advertiu dunha "Galicia de dúas velocidades" no que a dereitos se refire, como a sanidade, o transporte público ou o acceso á vivenda. "E sobre todo un congreso en igualdade porque cremos que o debate da igualdade entre homes e mulleres incúmbenos a todos e debe ser transversal", afirmou para destacar que ese é o motivo da data escollida polos socialistas para celebrar o encontro.
Deste xeito, a proposta da executiva inclúe que o congreso se desenvolvo ao redor de bloques temáticos que aborden as preocupacións dos galegos sobre as que, segundo indicou, o Goberno da Xunta "non achega solucións" ou o fai só "mirando para un lado" cunha "tortículis de dereitas moi pronunciada", como o acceso á vivenda, ao sistema sanitario, nas políticas sociais e os dereitos educativos.
"Teremos un bloque de dereitos onde, ademais, falaremos de democracia e de cultura", afirmou para incidir na necesidade de apostar por unha "igualdade en dereitos" que en Galicia, a día de hoxe, "está en desequilibrio".
O socialista detallou que tamén se abordará o progreso, o crecemento e a actividade económica nun contexto no que, na súa opinión, a Xunta non está a aproveitar as potencialidades de Galicia, que "vai moi por baixo das medias en todos os ámbitos".
Outro aspecto a tratar será a sustentabilidade, "con transición ecolóxica, enerxía, mobilidade". "Conceptos que cremos que teñen que estar no deseño de Galicia", dixo. O obxectivo da cita, conforme apuntou, é traballar tamén no plano ideolóxico para construír un Partido Socialista "coherente, sensato e firme" para ser útil á sociedade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.