Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/04/2020 | Actualizada ás 12:22
Rodrigo Morante García é un galego que reside en Hanoi, capital de Vietnam. Desde alí pretende mobilizar o envío urxente a España de máscaras e kits de protección persoal a prezo de custo.
A súa idea é poder enviar 5.000 máscaras FFP3, 30.000 máscaras FFP2 e 10.000 máscaras FFP1, ademais de 2.500 kits de protección. Para isto, di, necesita recadar 30.000 euros. Por iso iniciou unha campaña en Internet para explicar o seu proxecto e animar a quen queira e poida a facer unha doazón a través de plataforma Paypal.
Con todo, aínda que non se acade o obxectivo dos 30.000 euros, os cartos que vaia recibindo destinaranse á produción e envío de todo o material que se poida conseguir co orzamento que se vaia conseguindo.
"Hai uns meses coñecín unha persoa que ten unha fábrica de material sanitario. Púxenme en contacto con el e, aínda que ten a súa capacidade de produción xa comprometida, está disposto a facer funcionar as maquinas pola noite e cobrar soamente a prezo de custo, sen beneficio", asegura Rodrigo, quen tamén afirma que " empresa fabricante ten a licenza de exportación necesaria para enviar material ao estranxeiro e o goberno de Vietnam permite exportacións de material sanitario para combater a Covid-19".
Tamén asegura que "o material conta co certificado de calidade do Goberno de Vietnam".
PIDE AXUDA PARA FACER CHEGAR A INICIATIVA AO GOBERNO ESPAÑOL
Rodrido di que tentou poñerse en contacto co Ministerio de Sanidade e algúns organismos autonómicos para xestionar esta operación, "pero aínda non recibín resposta".
"Supoño que non estou a seguir as vías oficiais, que descoñezo, e as miñas mensaxes non chegan onde deben ou desconfian dun descoñecido", di este mozo galego, que pide axuda quen lle poida poñer directamente en contacto con algún organismo oficial que facilite esta operación.
Na operación di que non hai intermediarios, "e isto fai o proxecto aínda máis interesante, porque polo mesmo diñeiro se pode conseguir máis material".
"A empresa comprométese a fabricar os materiais a prezo de custo, sen ningún beneficio, e eu participo de maneira completamente altruísta. É a miña maneira de axudar", expón Rodrigo, quen publicou un par de vídeos para explicar en detalle o proxecto e tentar resolver as lóxicas dúbidas que xorden ante unha iniciativa particular como esta, para a cal creou un sitio web.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.