Coidado con quen te aconsella, as falsas terapias en redes sociais para soportar a corentena

O actual estado de confinamento debido á COVID-19 leva ás veces a que as persoas teñan momentos de inseguridade, incerteza, medo e depresión. Así teñen proliferado miles de vídeos e podcasts con presuntos “consellos” para afrontar esta etapa de clausura e non caer en depresións. Os profesionais da psicoloxía avisan, non todo vale para soportar estes días de peche involuntario.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 13/04/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A pandemia do coronavirus fixo agromar os medos máis agochados das persoas. Perder o traballo, a inseguridade económica, a falta de expectativas e moitas veces, unha convivencia non desexada con persoas que non soportamos, que mesmo poden ser familiares. Así, é normal a consulta de canles de Youtube, webs, blogs ou outro tipo de soportes dixitais para “buscar” unha solución ao actual estado persoal e anímico que supón estarmos pechados todo o día nas nosas casas. Por iso é moi necesario ter en conta quen e como nos está aconsellando deste o outro lado da pantalla. A saúde mental, máis nestes tempos, é moi importante coidala e non serve calquera.

Equipo de psicólogas do GIPCE atendendo a unha persoa. COLEXIO OFICIAL DE PSICOLOXÍA DE GALICIA
Equipo de psicólogas do GIPCE atendendo a unha persoa. COLEXIO OFICIAL DE PSICOLOXÍA DE GALICIA

INTRUSISMO E MALA PRAXE, QUEN NOS ACONSELLA?

Víctor Torrado é o coordinador da Comisión para a Defensa da Profesión e a Prevención contra o Intrusismo, vincluada ao Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia. Esta comisión busca aqueles casos considerados de intrusismo laboral dentro do terreo da psicoloxía.  Tamén busca asesorar á cidadanía sobre cales son os aspectos que debe ter unha consulta profesional de psicoloxía para abordar problemas emocionais como os que están aparecendo nestes tempos.

“Hai persoas que se autodenominan profesionais con nomes como “xestores da felicidade” ou “técnicos en benestar”” di Víctor Torrado. Estas denominacións están case no límite da legalidaded para atender problemas de saúde, “cousa que non poden facer” remarca Torrado.

As persoas buscan a normalización dentro das súas vidas para sentirse seguras. Esa busca increméntase en momentos como a actual corentena motivada pola pandemia do coronavirus. Isto motiva o incremento de visitas a vídeos ou tutoriais que pretenden ofrecer métodos de alivio ou guías para saír do momento.

“Non dubidamos da boa intencionalidade de moitas ofertas gratuítas que se ven polas redes, mais en situacións como a actual alarma sanitaria as persoas necesitan axuda profesionalizada” di Torrado. Pode haber ocasións en que estas vías de “axuda” causen máis dano que beneficio, esquecendo a máxida da medicina “primeiro non facer dano”.

Todo o dito non significa que o uso das novas tecnoloxías no ámbito psicolóxico sexa conraproducente. “Non se debe facer terapia a través de redes sociais agás recomendacións xerais de afrontamento, mais iso non é terapia” analiza Víctor Torrado. Existen outras opcións como son plataformas “voice” coas que se pode facer conexións individualizadas e encriptadas.

Tampouco as terapias telefónicas son unha solución óptima para Torrado, pois non se accede a moita información sobre a persoa que realiza a consulta. “Non temos información da linguaxe xestual, por exemplo, ou non podemos avaliar correctamente parámetros que só se poden percibir en persoa”.

O MEDO, O PRINCIPAL PROBLEMA

O principal motivo que está detrás da maioría de consultas psicolóxicas é o medo. Existe medo ao futuro, estamos diante dunha cuestión que é a xestión da incerteza. “Non sabemos cando imos baixar a curva (do coronavirus), que pasará cando cese o confinamento”.

Esta xestión da incerteza  non é algo diferente ao que facemos durante o resto da nosa vida. Por outra parte é certo que “haberá medo e logo pode haber perda de traballo”. E ante isto a maioría está oíndo sempre o de manter ou enviar unha mensaxe optimista. Víctor Torrado quere destacar que “o optimismo é mirar a parte da verdade que custa máis encontrar”.

Outra recomendación sería buscar información seria que permita bloquear os medos que non permiten pensar noutra cousa. “Insistimos na limitación da sobrexposición informativa en relación ao coronavirus e o que o arrodea”.

DINNOS O QUE QUEREMOS OÍR?

A busca de seguridade en momentos de incerteza pode volverse unha tarefa ás veces irracional. Así é normal que se estean seguindo os “consellos” de persoas das que descoñecemos a súa formación no campo da psicoloxía por non falar da psiquiatría. Unha figura moi estendida durante as últimas décadas é o ou a “coach” (adestrador ou adestradora en inglés).

A popularización do “coaching” (adestramento) tería unha posible explicación en que non é un ou unha psicóloga propiamente. “Isto pasou porque se cadra se entende que ir ao psicólogo ten máis estigma social”. Ademais disto tamén se popularizou a falsa percepción de que o coaching non fai terapia,  cousa que non é certa, porque a maioría dos métodos de coaching forman parte da profesión de psicólogo.

Hai unha pregunta que xorde escoitando a Víctor Torrado, todas as persoas como os coach dinnos o que queremos oír? “Non me atrevo a dicir iso, mais o coach parte dunha posición de non patoloxía para eludir o que a lexislación establece como impropio” para atender problemas de saúde, cuestións que deben atender os profesionais da sanidade.

RECOÑECER UN PROFESIONAL

O labor da Comisión contra o intrusismo dentro do campo da psicoloxía consiste en analizar casos denunciados de malas praxes ou falsas terapias. Por outra parte o Colexio de Psicólogos de Galicia ten unha parte divulgativa para a cidadanía sobre as características que ten unha ou un profesional.

Hoxe en día a profesión está regulada e require a súa colexiación para garantir que os coñecementos e profesionalidade están garantidos”. Para iso tamén é necesario que se actualicen os coñecementos de todos os profesionais mediante formación continua. Así, en caso de termos dúbidas, podemos pedir referencias a persoas que coñezan ao profesional que nos recomenden e se está colexiado.

A axuda psicolóxica é moi importante para os tempos que vivimos. Agora mesmo o estrés por permanecermos pechados nas nosas casas está aumentando. Isto pode levar a situacións de conflitividade dentro do fogar, comportamentos pouco saudables e baixóns anímicos. Por iso é moi importante saber como e con quen xestionar os momentos de incerteza e de medo cara o futuro ou a xestión da vida familiar nestes días.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta