A cuestión da lingua

Que galego se debe de utilizar; o da ILGa ou o da escola coruñesa de Freixeiro Mato?. O novo libro de Carlos Callón aposta por esta segunda opción. Crítica de Manuel Rodríguez.

Por Manuel Rodríguez Alonso | Cangas | 10/12/2012 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

Título: Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez

Presentación dun dos libros de Callón
Presentación dun dos libros de Callón | Fonte: snlzas.blogaliza.org

Autor: Carlos Callón

Editorial: Xerais

Lugar de edición: Vigo

Ano: 2012

Carlos Callón e Manuel Bragado
Carlos Callón e Manuel Bragado | Fonte: W.B.

Páxinas: 239

Carlos Callón publica un interesantísimo manual onde nos dá consellos para falar e mais escribir o galego dun xeito correcto e auténtico. Cómpre dicir que Callón desenvolve a concepción do seu galego ideal dentro das instrucións das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega de 2003. Mais, en contra do que adopta habitualmente como práctica a Real Academia Galega, Callón propón: Cando a normativa do galego ofreza dúas solucións, usa para o estándar aquela que se aproxime máis ao sistema lingüístico a que pertence: o galego-portugués (posíbel, Galiza, até…). (páx. 15)

Xa que logo, Callón propón unhas preferencias que van en contra das da propia RAG. Os autores de dicionarios denominamos información oculta aquela non elaborada que nos ofrecen dicionarios e gramáticos a través do seu propio texto e exemplos. Así nos casos exemplificados por Callón, aínda que a RAG admite as formas dobres posible-posíbel, Galicia-Galiza, ata-até, nos seus textos, dicionarios e sobre todo o texto da propia NOMIG opta sempre pola forma común co castelán ou máis próxima a el: Galicia, posíble, ata. Mesmo no último dicionario publicado como libro da propia RAG (o castelán-galego de 2004) non rexistra os adxectivos en bel, senón tan só os que rematan en ble. Así, por exemplo, como equivalente do castelán amable, o devandito dicionario académico só ofrece amable. Se consultamos este mesmo adxectivo no dicionario dixital académico de 2012 veremos que o que se define é amable e na entrada amábel os académicos remiten a amable. Na chamada información oculta iso interprétase no sentido de que, aínda que os dous termos son correctos, o preferido é amable.

Xa que logo, temos que situar as propostas de Callón nunha das dúas escolas que hoxe, dígase o que se diga, están a propor unha norma para o galego, aínda que ambas as dúas estean asumidas polas NOMIG. Desde o meu punto de vista, existe unha escola lingüística que é a do ILGa e a que domina neste momento na propia RAG, nada das concepcións de C. García e R. Lorenzo, que propón un galego máis baseado no galego realmente falado, por castelanista que este poida ser, e que adopta na práctica solucións comúns co castelán, como se pode ver nos tres casos devanditos. Este é o galego reflectido no propio texto das NOMIG e sobre todo nos dicionarios da RAG.

A que podemos chamar segunda escola galega está centrada na facultade de filoloxía da Coruña, procede de Carballo Calero e da chamada gramática de mínimos, está representada fundamentalmente pola gramática de Freixeiro Mato e propón, dentro xa digo das NOMIG, un galego máis próximo ao portugués e, como fai Callón neste manual, opta, dentro das solucións que ofrecen as NOMIG, polas comúns co portugués ou máis próximas a el.

Xa que logo, cómpre situar, aínda que dentro das NOMIG, a obra e as propostas de Callón dentro disto que poderiamos chamar escola coruñesa. A proba está en que Callón sempre cita como gramática de referencia a de Freixeiro Mato, mais nunca, nin sequera na bibliografía, as de referencia da escola do ILGa, como poderían ser as de Álvarez Blanco-Xove ou Hermida Gulías.

E que acontece coa práctica editorial galega ou mesmo coa que xorde da Administración? En xeral, séguese a práctica do ILGa. Habitualmente nas publicacións das nosas editoriais máis grandes e moi presentes no ensino séguese o modelo ILGa e empréganse habitualmente, se seguimos coas tres formas propostas por Callón a título de exemplo, amáble, Galicia, ata. E isto é así porque desde os primeiros tempos da normativización-normalización do galego para ter acceso a calquera subvención ou mesmo á autorización de libros de texto ou material didáctico había que seguir, na práctica, as instrucións do ILGa ao pé da letra. Eu que traballo desde o ano 1977 na confección de materiais en galego e de galego para o ensino en editoriais que podemos considerar grandes sempre recibín como primeira instrucción: Déixate de parvads filolóxicas e ILGa ao pé da letra. Non esquezamos que quen publicou as primeiras normas do ILGa foi precisamente a editorial Anaya, empresa matriz dunha editorial aínda hoxe tan importante como é Xerais.

O caso é que daquela esta opción da norma imponse nos oitenta do pasado século, xa non porque sexa mellor ou peor (non vou entrar niso), senón porque a efectos prácticos, para non ter ningún tipo de problema legal, o mellor era seguila ao pé da letra e esquecer calquera coqueteo, por pequeno que fose, coa chamada normativa de mínimos.

Xa que logo, o libro de Callón aposta, como xa dixemos e dentro das NOMIG, polas escollas da que eu aquí chamei escola coruñesa.

Isto vai producir algúns desaxustes. Malia o que din teoricamente os académicos nas NOMIG de 2003 sobre acudir ao portugués para, por exemplo, a creación de neoloxismos e tecnicismos, nos dicionarios académicos non se segue esta práctica. O normal é en moitos destes casos elixir o termo común co castelán, malia que no español de América exista o termo común co portugués. Así, a propósito de ordenador, Callón propón, de acordo co principio das NOMIG de inspirarse para os tecnicismos no portugués, computador. Deste xeito, Callón di que o termo que debemos empregar en galego é computador, coma no portugués ou mesmo no español de América, e non ordenador, como acontece no español peninsular. Mais esta proposta de Callón choca coa práctica dos dicionarios académicos. Os dicionarios académicos de 1997 e o castelán-galego de 2004 só rexistran computador, en masculino, como adxectivo. O DRAG de 1997 propón para este aparello electrónico a parella ordenador-computadora. O mesmo fai o castelán-galego de 2004. No dicionario dixital de 2012 cambia esta situación e pode usarse tanto computador como computadora como equivalente a ordenador. A Real Academia Galega reproduce neste caso ao pé da letra a última proposta da Real Academia Española. Actúa, evidentemente, como modelo para o tecnicismo non o portugués (proporía de seguir o portugués, como quere Callón, computador), senón o castelán da RAG.

Este é o problema, que se manifesta no léxico, mais tamén na morfosintaxe, sendo neste caso aínda máis grave, posto que non temos a día de hoxe unha gramática normativo-descritiva do galego referendada pola autoridade da RAG. Consultando os devanditos dicionarios da RAG, nos seus exemplos, o infinitivo conxugado non é usado, por exemplo, naqueles casos en que, moi acertadamente, Callón o propón como de uso obrigado.

Incide tamén Callón na pronuncia correcta do galego. Nalgún caso volve bater co criterio académico, aínda que tampouco contamos a día de hoxe cunha ortoloxía académica. Así cando fala da segunda forma do artigo determinado (varre-la casa, páx. 133) di que as NOMIG permiten facer as dúas lecturas posibles varrer a casa/varre-la casa. Mais as NOMIG din realmente: Aínda que non se represente graficamente, a única pronunciación recomendable é a que reproduce a segunda forma nos contextos sinalados: vender a casa [bendélakása] (páx. 85 das NOMIG).

En fin, temos que ler todos este libro porque, dentro da norma académica, propón un galego profundamente descastelanizado, é unha vacina moi boa contra o catelgalego e eu desexaría abrir a propósito deste libro un pequeno debate sobre a incoherencia que existe entre os principios das NOMIG e o labor efectivo de estandarización que está a realizar a RAG, especialmente nos seus dicionarios (da gramática e da ortoloxía nada hai de momento).

Neste sentido a última publicación estandarizadora da RAG, o dicionario dixital de 2012, supón unha incuestionable vía, de novo, de castelanización, como tentarei demostrar a seguir.

Callón ofrece un apéndice cunha listaxe de palabras que son incorrectas en galego, fundamentalmente castelanismos e á súa dereita coloca o termo considerado correcto pola RAG. Callón considera un castelanismo o emprego de achacar co valor de ´atribuír, imputar´. Mais a RAG considera esta acepción perfectamente válida.

O autor tamén sinala co asterisco de incorrecto o substantivo apartado e ordena a súa substitución por epígrafe, alínea, parágrafo. Esa era a postura da RAG no dicionario de 1997 e no de 2004. Mais no dixital de 2012 a RAG xa considera que apartado é correcto como substantivo masculino, no valor precisamente rexeitado por Callón.

Podería multiplicar casos coma este, mais non quero cansar o lector.

En fin que o libro de Callón, resulta moi apropiado para que todos tentemos falar e escribir un galego verdadeiramente identificado e descastelanizado e insírese dentro da liña das NOMIG que buscan un galego descastelanizado e integrado no tronco galego-portugués, na liña do ideal lingüístico das Irmandades-Nós, Carballo Calero, a gramática de mínimos e o que eu denomino Escola Coruñesa. Cómprenos canto antes que a RAG ultime unha gramática descritivo-normativa, así como unha ortoloxía. Debe, igual que a versión das NOMIG de 2003, acoller distintas solucións dentro evidentemente dun abano reducido, e que despois sexan os usuarios os que vaian optando polas que lles parezan mellores, tras seren analizadas e discutidas.

En canto ao dicionario de 2012, este supón, ao meu ver, unha castelanización e contradí, como tentei demostrar enriba, os principios de achegamento ao portugués para optar pola forma común co castelán. É tamén unha vergonza que non teñamos a súa versión en libro, pois a versión dixital non permite traballar doadamente con el. Ademais, o dicionario no formato tradicional, como dixen noutro lugar, é o símbolo material da lingua e da nación que fala esa lingua, un símbolo tan importante como pode ser a bandeira ou o himno.

Xa que logo, cómpren axiña e lean o libro de Callón, polos moi bos consellos que dá para fuxir do galego castelanizado e polo debate que ten que abrir na lingüística galega. Por outra banda, ao oíren a palabra debate ou mesmo existencia na normativa de formas alternativas, que non se escandalicen os de sempre. Iso mesmo acontece por exemplo co español, onde a propia RAG ofrece alternativas ou onde non coinciden, por exemplo, ás veces as propostas estandarizadoras do dicionario de erros e dúbidas da RAG coas que realiza o dicionario de dúbidas e erros máis prestixioso e espallado do castelán, o do académico Manuel Seco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 44 comentarios

10 Albas

Un manual moi interesante. A primeira metade é especialmente divertida.

9 outeiro

Vou falar da colocación dos pronomes átonos con infinitivos. Eu na casa aprendín a dicir "non o saber" ou "p'ra te ver". Pero non fun consciente diso até que lin por primeira vez, xa adulto, un texto portugués. Por que? Porque na escola a próclise con infinitivos non existía.. Sempre era "non sabelo". Despois souben que a norma permite as duas colocacións, o que se traduce en optar sempre pola mais próxima ao castelán. Iso si, aprender aprendín muitos hiperenxebrismos, que é mais fácil de ensinar cá colocación pronominal.

1 falante

Iso é totalmente certo, non é máis ca outra mostra de como a ILG-RAG castelanizan a linguaxe. Pero tamén ocorre cos presuntos "hiperenxebrismos" dos que falas, que están a ser substituidos dende hai tempo por formas catelanizantes. Un dos exemplos máis vergoñantes é o da palabra "estrano", xa aparecida nos dicionarios do século XIX e de amplo uso popular, mais para a RAG é un hiperenxebrismo da época dos Galaxia (anos 50 en diante).

2 outeiro

Home, "estrano" é un hiperenxebrismo de manual. Ven do latín "extraneu", e o -ne- ou -ni- sempre dá en "ñ" en galego. Igual que araña ou castaña. A diferenza co castelán está nos grupos -mn- ou -nn- que dan "n" en galego, como en dano ou ano. Que apareza nos dicionarios do século XIX non o fai menos hiperenxebrismo.

3 falante

E que non é unha forma plena (a cal obviamente é "estraño"), pero tampouco é un hiperenxebrismo, é un dialectalismo. Ocorre algo semellante con "canoto" e "cañoto".

8 jos

Esforçado trabalho de legitimação do par ILGa-Rag de autor e comentador. Para além da vontade, é de agradecer a honestidade: "E isto é así porque desde os primeiros tempos da normativización-normalización do galego para ter acceso a calquera subvención ou mesmo á autorización de libros de texto ou material didáctico había que seguir, na práctica, as instrucións do ILGa ao pé da letra." Mundanidades que Callón, como presidente da Mesa, também conhecerá e que explicam a preferência para tudo polas nomiga2003, polo menos nos tempos em que o bipartito dava pingues subsídios. Porém livro, dicionários, instituições e posturas possibilistas estão todos mortas. Pratique-se simplesmente a unidade da língua e os seus corolários. Ou pratique-se a necrofilia quanto se desejar. Ps. achei em falta qualquer referência ao melhor dicionário de galego existente (para a Gallaécia): o Estraviz.

7 O Principe dos Mouros

Estas son as opinións que chegan dun que defende que ao castelán hai que extirparlle o seu propio léxico toponímico. Callón, volve á facultade, anda, que aínda che queda moito por aprender.

6 falante

“A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significarmeos endexamais na cultura universal. Eu penso que as únicas setas que van sempre rectas a furar o branco do futuro son aquelas que se lanzan valéndose do arco da nosa lingua, xa que só entón nos mostramos orixinais. Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo?” ANTÓN VILAR PONTE