Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2020 | Actualizada ás 22:00
A decisión de Íñigo Urkullu, o lehendakari vasco, de abrir o debate electoral puxo outra vez de actualidade as eleccións en Galicia. Feijóo dicía este venres que non está na súa axenda actual convocar eleccións en xullo, tal e como propón o líder do PNV, pero fontes do seu partido non o descartan porque "pode compaxinar ese discurso con convocalas en xullo".
En todo caso, no PPdeG hai dúas visións acerca de cal sería a nova data electoral máis propicia. E é que, aínda que a principios desta semana practicamente todas as voces vían de forma unánime que "non tocaba" falar duns comicios que "acaban de suspenderse", tras coñecer a intención de Urkullu son moitas as impresións que cambiaron.
Así, hai fontes da dirección da formación popular que manteñen que é "moi precipitado" falar de eleccións e argumentan que a situación non se normalizou " completamente" ata agosto. Opinan que a formulación de Urkullu é "equivocado", que ten "uns motivos de apuro" dos que carece Feijóo e que este non está aínda "coa cabeza" nos comicios galegos.
ELECCIÓNS NO MEDIO DO VERÁN
"Hai marxe para pensalo, case un mes, se se celebran a finais de xullo", apuntan, con todo, outros dirixentes da dirección do partido consultados por Europa Press. Estas fontes sosteñen que Feijóo ten marxe para "compaxinar" o seu discurso de que "agora mesmo non pensa nos comicios" coa súa celebración en xullo.
Internamente está estendida a visión de que a "boa xestión" da crise sanitaria reforzouno fronte a un PSOE que sae "máis debilitado". Desde unha perspectiva electoral, entenden --fronte a quen consideran que sería difícil de explicar manter algunhas restricións e que se celebren os comicios-- que ao PPdeG beneficiaríalle, entón, que se celebren "canto antes mellor".
Tamén hai quen considera, dentro da cúpula do PPdeG, que sería "moi difícil" xustificar desmarcarse de Euskadi, porque se podería dar a entender que a situación galega "é peor". "E iso non é así", apuntan as mesmas fontes, que admiten que en xullo sería "imposible" celebrar unha campaña "normal". "Pero tampouco a finais de setembro ou en outubro, e estaría aí o posible rebrote", engaden. En todo caso, todas as fontes consultadas remarcan que a decisión última será de Feijóo, quen, unha vez máis, escoitará a uns e a outros antes de trasladar cando acudirá Galicia ás urnas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.