Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2020 | Actualizada ás 20:03
O Sindicato Labrego Galego e a Federación Rural Galega (Fruga) rexistraron este mércores unha queixa ante a Valedora do Pobo para denunciar a prohibición de celebrar mercados alimentarios de proximidade en Galicia.
"Estamos fartos de que as diversas administracións pasen a pelota unhas a outras sen que ningunha exerza as súas competencias nesta cuestión, mentres vemos con asombro como outras comunidades autónomas regulan e autorizan este tipo de mercados", explican as entidades.
Isto é posible, tal e como argumenta o gabinete xurídico que redactou a queixa dirixida á Valedora do Pobo, porque "non hai ningún artigo nin decreto que prohiba os mercados alimentarios de proximidade, e si varios que obrigan a garantir a libre circulación e comercio de bens de primeira necesidade como os alimentos".
Na mesma liña, a Asociación Agraria de Galicia transmitiulle ao Ministerio de Agricultura unha petición formal para que se reabran os mercados gandeiros, tanto en Galicia como no resto do estado, un mecanismo que, ao estar suspendido, obriga aos gandeiros a "distribuír os seus becerros a través medios de venda que son moito menos rendibles".
Agora que comeza a perfilarse un plan de desescalada das medidas do estado de alarma, os gandeiros entenden que "chegou o momento de tomar medidas que permitan ir recuperando a actividade normal dos profesionais do sector agropecuario".
Un dos "primeiros pasos" nesta liña é "a reapertura dos mercados gandeiros" unha cuestión que, apuntan, "debe desenvolverse esixindo todas as medidas de seguridade necesarias para que a saúde dos traballadores e dos usuarios dos mesmos non se vexa afectada". "Se todos respectan as indicacións sanitarias que se marquen, non debería haber máis riscos que os que se corren cando se vai a realizar a compra de alimentos, combustible ou medicamentos", sentencian.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.