A RAG programa cada día do mes das Letras unha serie de microespazos audiovisuais sobre Carvalho Calero

A serie titúlase 'Unha palabra para don Ricardo'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2020 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega programa para o mes de maio a serie 'Unha palabra para don Ricardo', un conxunto de minipezas audiovisuais sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero que se difundirán cada día do mes no que se celebran as Letras Galegas.

Ricardo Carvalho Calero
Ricardo Carvalho Calero | Fonte: Artabra Dixital

Segundo explicou a entidade, os microespazos, que poderán verse a través da web e das redes sociais da institución e tamén serán difundidos pola CRTVG, contan coa participación de académicos e de distintas persoas que tiveron algunha relación co autor ao que a RAG dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Neles, cada participante elixe unha palabra que destaca a cualidade que, ao seu xuízo, mellor define o homenaxeado ou que retrata un trazo e a súa personalidade, unha faceta ou unha obra do autor.

Compromiso, galego cabal, poeta, filólogo, galeguista, soñador, lingua, gramática, orador ou independente son algúns dos termos a través dos cales irán debuxando un retrato colectivo que inclúe tamén nalgúns casos a lectura de poemas ou textos de referencia de Carballo Calero.

En palabras do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, son "intervencións breves que, no seu conxunto, conforman un poliedro de voces, admiracións e afectos" cara a Carvalho Calero.

A emisión da serie comezará este venres, 1 de maio, co recordo do homenaxeado que garda o académico Salvador García-Bodaño. O poeta evoca a celebración, en 1963, no salón artesonado do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, do primeiro Día das Letras Galegas, unha data histórica en que Ricardo Carvalho Calero pronunciou unha conferencia sobre a súa protagonista, Rosalía de Castro, e a obra 'Cantares galegos'.

PLENO EXTRAORDINARIO EN OUTUBRO

A Real Academia Galega reforzará na rede con estas e outras iniciativas a celebración do Día das Letras Galegas, durante un mes de maio no que será imposible desenvolver o calendario de celebracións presenciais previstas inicialmente.

Por iso, a institución decidiu atrasar ata o 31 de outubro o pleno extraordinario que tradicionalmente conmemora o 17 de maio, coincidindo co 110 aniversario de Ricardo Carvalho Calero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta