Cando deixaron as galegas e os galegos de levar sancosmeiros e puchos?

Os sombreiros forman parte da indumentaria tradicional galega, nas súas múltiples formas e expresións. Dende o GC botamos man da colección en liña que ten o Museo do Pobo Galego para traervos algunhas pezas que son unha verdadeira marabilla.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 24/11/2024 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Aínda que a día de hoxe nos pareza algo desfasado ou só preciso para aquela xente que quere tapar a súa calvicie, o certo é que en Galicia os sombreiros foron tradicionalmente algo moi empregado tanto por mulleres como por homes, habendo determinados deseños que unicamente eran propios de certas zonas da nosa terra, ata as que chegaban persoas de moi diversos recunchos do territorio para facerse cun destes famosos gorros. Hoxe, dende o Galicia Confidencial e da man da colección de indumentaria que ten dixitalizada o Museo do Pobo Galego, coñecemos cales son esas pezas coas que galegas e galegos cubrían fai non tanto tempo como podemos pensar as súas cacholas.

Sancosmeiro
Sancosmeiro | Fonte: Museo do Pobo Galego

O máis típico nas mulleres para cubrir a cabeza eran os panos, anacos de tea que ían sobre o cabelo peiteado con trenzas ou, máis recentemente, con moño. A tea dóbrase formando un triángulo, co vértice nas costas e os extremos atados baixo a queixada, por detrás ou por enriba da cabeza, dependendo do momento, das circunstancias ou da época. Xunto a estes panos, as galegas tamén adoitaban ter nos seus armarios cofias, feitas de finos materiais como encaixe, tul ou muselina. Precisamente estas teas de alta calidade e nada baratas indican que as cofias non eran prendas de uso cotiá, senón de pezas empregadas unicamente en ocasións especiais.

Por outra banda, os sombreiros tamén eran amplamente usados por toda a sociedade, xa fosen homes ou mulleres. E, ademais dos de pano ou outros tecidos, os homes levaban sombreiros de palla que tamén usaban as mulleres ao ir á leira colleitar ou pañar a herba para protexerse do sol. Elas, normalmente, non os colocaban directamente sobre o cabelo, senón que entre este e o sombreiro, levaban un pano na cabeza. Entre estes sombreiros de palla, eran moi coñecidos os 'sancosmeiros', elaborados exclusivamente en San Cosme de Outeiro, no concello de Outes. O Museo do Pobo Galego conta na súa colección en liña con dous sancosmeiros elaborados combinando a técnica da cestaría de palla coa do tafetá e lenzo para a cinta que os arrodea, datados un no ano 1960 e o outro entre os anos de 1960 e 1970.

Entre as variantes do sombreiro masculino podemos atopar os de á ancha ou tellas, xeralmente elaborados de xeito artesanal con palla de centeo autóctono e cosidos a man; as monteiras, con distintas texturas, feitas de pano de lá e raso ou terciopelo, normalmente decoradas e bordadas a man alzada en fío; e os puchos, na abatanada ou pano, sen á, con orelleiras e coa parte inferior dobrada por atrás, quedando por diante unha viseira, resultando moi quentiños e abrigados para os días de frío.

En concreto, entre as pezas que o Museo do Pobo Galego ten subidas á rede atópanse dous puchos de lá feitos usando a técnica tafetá e a do abatanado, datados entre o ano de 1890 e o de 1910; e outro realizado con lá e algodón empregando tamén as técnicas do tafetá e o abatanado, datado entre os anos de 1933 a 1936. Tamen recollen un sombreiro tipo tella da Sombrerería de Moisés Álvarez, feito en pelo de coello, cartón e seda, empregando as técnicas do feltro, moldeado e o satén, datado entre os anos de 1904 e 1920. E, así mesmo, conservan dixitalizadas as imaxes dunha monteira tradicional feita en feltro, algodón, coiro e cartón empregando as técnicas do prensado, veludo, curtido e bordado, datada entre os anos de 1925 e 1940.

Pucho
Pucho | Fonte: Museo do Pobo Galego

Tella
Tella | Fonte: Museo do Pobo Galego
Monteira
Monteira | Fonte: Museo do Pobo Galego
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta