Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2020 | Actualizada ás 22:00
Marisa Moreda dá aulas nos niveis máis baixos da educación secundaria do instituto de Poio. Camiño deste 17 de maio, intenta como pode a través das aulas telemáticas situar a rapazada no Día das Letras Galegas e achegala á figura do homenaxeado, Ricardo Carvalho Calero, historiador da literatura, escritor, crítico literario, lingüista e mais filólogo. Unha persoa poliédrica que "non ten case relevancia nos libros de texto" pero que atravesou con fondura a nosa historia.
"É unha figura descoñecida para eles, tanto para os máis pequenos como para os máis maiores", fala Moreda, que traballa a Carvalho Calero coas crianzas a través de vídeos, unha scape room virtual ou traballos que tamén se fixeron noutros institutos. Ela é, ademais, autora dalgunhas das unidades didácticas adaptadas ás diferentes etapas educativas que desenvolveu a AGAL de cara a este 17 de maio e que están compiladas na web carvalho2020.gal, o espazo na rede máis completo ao redor do homenaxeado nestas Letras Galegas.
O MOMENTO PARA PRESENTAR O REINTEGRACIONISMO
A teleeducación obrigada pola chegada do coronavirus complica, iso si, a comprensión de todas as facetas deste autor. Sen o tempo preciso para dar a coñecer a figura e sen os medios adecuados para facelo con profundidade, Moreda ve como a opción máis "lóxica" continuar o achegamento a Carvalho Calero ao longo do próximo ano 2021. "Esta figura era a oportunidade para presentar o reintegracionismo ás crianzas, pero iso é difícil facelo telematicamente porque resulta complicado de entender", relata Moreda.
Nos libros sempre aparece un pequeno apartado dedicado á lusofonía, pero Carvalho Calero, gran defensor da proposta reintegracionista, "axuda a materializar" aquilo que as crianzas ven lonxe delas. "Estudar este autor supón ofrecerlles a ocasión ás rapazas e rapaces de ver a oportunidade que ten a súa lingua". Por iso mesmo, Moreda aposta porque esta proposta teña "espazo" no ámbito educativo.
"DARLLE Á RAPAZADA UN ESPAZO NA LINGUA"
Non é moi optimista ao redor do estado de saúde da lingua na rapazada máis nova, e baixo a premisa de que "só a través do reintegracionismo hai posibilidade de sobrevivir", esta mestra considera que "aproximar as crianzas a esta proposta reengánchaas coa súa lingua". "Hoxe movémonos por oportunidades máis ca por sentimentos, buscamos a utilidade das cousas", argumenta. De cara a este 17 de maio, a maior reivindicación desta mestra será a de "darlle á rapazada un espazo na lingua". Cómpre facer do galego un idioma de uso común, un idioma para o lecer.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.