A defensa do 'Chicle' pide anular o proceso e asegura que "non foi limpo": "Manipuláronse as probas"

A acusación defende o "veredicto impecable" e o "detalladísimo número de probas" que levaron a condenar o acusado.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 26/05/2020 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

A avogada defensora de José Enrique Abuín Gey, alias 'O Chicle', condenado a prisión permanente revisable polo asasinato de Diana Quer, reclamou este martes a nulidade dun proceso que, na súa opinión "estivo contaminado" por unha "presunción de culpabilidade" contra el e "non foi limpo". "Manipuláronse as probas", sostivo.

O pai e a irmá de Diana Quer, Juan Carlos e Valeria Quer, á súa chegada aos xulgados no xuízo contra José Enrique Abuín Gey, alias 'o Chicle'. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo
O pai e a irmá de Diana Quer, Juan Carlos e Valeria Quer, á súa chegada aos xulgados no xuízo contra José Enrique Abuín Gey, alias 'o Chicle'. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Fíxoo durante a vista de apelación celebrada no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para resolver o seu recurso contra a sentenza da Audiencia Provincial, e que tivo que ser aprazada en dúas ocasións pola pandemia de coronavirus.

De acordo coas normas actuais, as partes estiveron na sala con medidas de distanciamento social e máscaras, mentres que o acusado seguiu a sesión por videoconferencia desde a prisión. Ao comezo, gardouse ademais un minuto de silencio polas vítimas da COVID-19.

Durante a sesión, a avogada defensora fixo unha alegación similar á que realizou nas súas conclusións do xuízo por este crime, nas que, de forma particular, puxo en dúbida a imparcialidade das partes e asegurou que se "vulnerou" a presunción de inocencia do seu defendido.

Con iso, estimou a letrada, "vulnerouse o que constitúe o eixo vertebrador da xustiza". "Da man desta negación, privouse e —ao condenado— dun xuízo xusto e con todas as garantías", dixo a avogada, para quen non houbo un proceso "imparcial, garantista ou limpo" e condenouse 'O Chicle' "sen probas, en base a suposicións".

Fronte á presunción de inocencia, Fernanda Álvarez asegurou que o caso "se resolveu coa tara de culpabilidade", nun proceso no que, sinalou, tribunal, forenses ou axentes "non foron imparciais". "Non existe xustiza se quen ten que impartila non é imparcial", indicou a avogada, que culpou desta situación aos medios de comunicación.

ACUSACIÓN

Tanto a Fiscalía como a acusación particular defenderon este martes, na vista de apelación polo crime de Diana Quer no TSXG, o "veredicto impecable" e o "detalladísimo número de probas" que levaron á condena a prisión permanente revisable para José Enrique Abuín Gey, unha suma de indicios que, para os letrados da acusación, "desvirtúan a presunción de inocencia" que reclama a defensa.

Durante a vista, que o acusado seguiu por videoconferencia desde prisión, o letrado Ricardo Pérez Lama reclamou que se desestime este recurso e se confirme a sentenza da Audiencia Provincial, que parte duns "feitos lóxicos" e arrinca do elemento fundamental de que O Chicle "é o autor confeso da morte de Diana".

"A defensa está a tentarnos impor a súa versión como única razoable, desacreditando a todos os peritos e facendo unha lectura parcial do acerbo probatorio", dixo o letrado, para quen hai unha "demostración total e absoluta" de que o acusado "abordou a Diana" na Pobra, trasladouna viva á nave de Asados e estrangulouna " cunha brida", tal e como determinaron os peritos forenses con indicios como as lesións nos ósos do pescozo ou a presenza de pelos dentro do peche da brida que se localizou no pozo.

Así mesmo, lembrou que O Chicle "espiu integramente a Diana, como consta no vídeo do levantamento do cadáver", algo que é "coherente coa perpetración dun delito contra a liberdade sexual. "Diana, naquela nave de Asados, estaba indefensa, sen teléfono e sen posibilidade de escapar, sometida á superioridade física do acusado", dixo o avogado da acusación, para quen a "conclusión lóxica" das probas é "que o acusado matou a Diana e escondeu o seu corpo no pozo para ocultar o delito de agresión sexual".

PAI

O pai de Diana Quer, Juan Carlos Quer, mostrouse confiado en que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirme a sentenza da sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela, pola que foi condenado a prisión permanente revisable José Enrique Abuín Gey, alias 'o Chicle'.

Fíxoo antes de entrar á vista de apelación fixada na Sala do Civil e Penal do TSXG para este martes tras o recurso presentado pola defensa contra unha sentenza condenatoria pola agresión sexual e asasinato da moza madrileña, de 18 anos, á que se perdeu a pista durante as festas da Pobra, en agosto de 2016.

O seu corpo foi localizado, tras a detención de Enrique Abuín por outra agresión, no interior dun pozo na parroquia de Asados 500 días despois. Tras un xuízo que durou 11 días, o xurado popular considerou a Enrique Abuín culpable de haber agredido sexualmente a Diana Quer e de matala intencionadamente despois de cometer a agresión, coa intención de ocultar o seu primeiro delito.

"Espero a serenidade, o xuízo obxectivo, para que a este individuo lle confirmen a condena e teñamos tempo de pechar o noso dó", expuxo aos medios de comunicación Juan Carlos Quer, quen reiterou que confía na Xustiza. "Sempre", sentenciou ao ser preguntado a este respecto nunhas declaracións nas que cualificou a José Enrique Abuín como "un depredador".

INTENCIONALIDADE SEXUAL

Por outra banda, a pesar de admitir o dereito da defensa ao recurso, rexeitou que fose "a opinión pública" a que condenase a 'o Chicle'. "Nada máis lonxe da realidade, nunca na historia do noso país se celebrou un procedemento con máis transparencia, retransmitido en directo, nos supostos máis escabrosos, a toda España", expuxo.

A iso, sumou "todas as probas" achegadas pola Garda Civil e as periciais. "Diana non puido dicir dun modo máis elocuente 'non é non' que pagando coa súa propia vida e estando depositada no pozo 500 días para que se cuestione se a intencionalidade deste individuo era ou non sexual", expuxo o pai da moza madrileña.

"A intencionalidade era sexual con Diana e coa nena de Boiro coa que o tentou, utilizando o mesmo modus operandi, metela nun maleteiro". "E acabase no mesmo pozo no que acabou Diana", apostilou. Ademais, rexeitou que "individuos" como 'o Chicle' sexan "reinsertables". "Son suxeitos que no ámbito carcelario compórtanse como a irmá da caridade, pero cando saen de prisión volven cometer novos asasinatos e violacións".

Por todo iso, e apelando a PSOE e a Podemos en particular, defendeu a prisión permanente revisable argumentando que o cumprimento íntegro das condenas "non é garantía da rehabilitación do reo". Ao fío diso, lamentou que, despois das firmas que entregou no Congreso sobre esta cuestión, non recibise "unha soa resposta, para unha conversación de cinco minnutos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta