Os pisos turísticos ante a COVID-19, poderase salvar o verán de 2020?

As denuncias contra os pisos e vivendas turísticas enfrontaban a falta de vivenda asequible para determinados sectores sociais. Ademais, áreas enteiras de moitas cidades acabaron sendo “prohibitivas” en canto prezos e alugueres. A COVID-19 é unha freada momentánea para o aluguer estacional e unha tregua para inquilinos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 26/05/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A orde de peche para establecementos turísticos en todo o territorio do Estado, obrigou aos e ás propietarias de inmobles de aluguer recreacional a cambiar de modelo. Se ata o de agora a tendencia era ir cancelando contratos de vivendas habituais, desde marzo a tendencia para algúns caseiros e caseiras é a de volver a asinar contratos como vivenda habitual. Hai voces que describen esta situación como unha “moratoria” temporal que virará ao revés en meses, mentres que sectores ligados ao piso turístico cren que a recuperación para o verán de 2020 será real, mais sen as cifras previstas para antes da pandemia de coronavirus.

Praia da Caosa no municipio lucense de Cervo
Praia da Caosa no municipio lucense de Cervo | Fonte: turismo.gal


A FREADA

O cambio de comportamento entre o sector arrendatario pasando, polo de agora, a alugueres como vivenda habitual tería entre outras explicaicións que “os arrendatarios fixeron reformas en pisos que alugarían a turistas, agora mesmo ante a incerteza que se presenta, o máis seguro é consolidar uns ingresos como residencia habitual” di Miguel Lopez de UCGAL.

A descrición de López confírmase en parte coa versión de Dulcinea Aguín, presidenta de AVITURGA. “Durante os últimos anos a xente comezaba a facer reservas, e a comezos de 2020 tiñamos moitas ilusións”. O certo é que estamos a seis meses do ano Xacobeo de 2021 e todo apuntaba a un verán concorrido en Galicia. “As expectativas eran moi boas, agora estamos pendentes da mobilidade entre provincias de cara xullo e agosto”.

As cifras de visitas non serán as mesmas que en datas anteriores, e as perdas en xeral calculadas para todo o sector turístico galego estarían perto dos 2.500 millóns de euros, segundo o Clúster do Turismo de Galicia. Non obstante, AVITURGA cre que aínda é moi cedo para facer cálculos e menos aínda aproximacións, “cremos que desde a entrada nunha nova fase de desescalada as cousas poden cambiar entre xullo e agosto”.

OS ALUGUERES

O aproveitamento dunha vivenda como aloxamento turístico leva detrás un investimento. A día de hoxe son moitos os arrendadores que desembulsaron diñeiro para a transformación dos pisos. “O obxectivo é recuperar ese investimento, de aí que haxa un cambio na contratación de alugueres”. Miguel López cre que aínda está por ver se este cambio dura no tempo. “Hai un medo ante a incerteza do que pode pasar, por outra parte tamén están os posibles cambios que haxa en 2021”.

A pregunta que xorde agora é saber se o mercado está rebaixando os prezos para facer máis atractiva a oferta en Galicia. “Os prezos non baixaron porque aumentan os gastos en mantemento” di Dulcinea Aguín. “Os gastos pasan por atender os protocolos hixiénico-sanitarios, a desinfección e limpeza teñen un custe e hai que sufragalo”.

“Os prezos si que se contiveron, aínda así debemos atender onde están situados eses pisos turísticos” indica López. “Desde logo que o aluguer pode subir significativamente se vas a vilas turísticas xa tradicionais, o mesmo sucede con cidades que son destinos turísticos”. Segundo UCGAL, o rendemento que se pode sacar dun aluguer en áreas como as sinaladas pode ser do dobre con respecto a unha vivenda tradicional.

O que si apunta AVITURGA é que desde o anuncio da desescalada, os alugueres dos pisos aumentaron en canto duración. “Antes os alugueres eran por uns días, agora hai xente que reserva por unha semana o quince días” din desde a asocación. A explicación que lle dan a este comportamento pode estar en “non ter que ir a zonas compartidas, non arriscarnos ao contaxio e permanecer a familia xunta evitando posibles brotes”.

Os pisos turísticos, á parte da polémica social que podan xerar, son un sector económico cada vez con máis peso. A COVID-19 trouxo un momento de indecisión e de cambios rápidos para algúns propietarios que viron a posibilidade de perda de cartos. A solución, transformalos en vivenda habitual. En tal caso, consumidores e propietarios cren que estamos nun momento de espera a ver se o verán de 2020 pode dar algún resultado positivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 MANDRILES NOT WELLCOME

non poden traer infectados do covid dende Madrid senon será a Morte xa viñero moitos xa trouxeron norte xa repartiron pandemia NON OS QUEREMOS QUEDADE NAS VOSAS CASAS!!!!