Preparan unha demanda colectiva e a nivel estatal contra DomusVi

Vén impulsada pola Federación de Asociacións de Usuarias e Familiares de Usuarias de Residencias e a Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia (Acouga).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2020 | Actualizada ás 19:47

Comparte esta noticia

A Federación de Asociacións de Usuarias e Familiares de Usuarias de Residencias, coñecida como REDE, e a Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia (Acouga) preparan unha demanda colectiva a nivel estatal contra DomusVi que prevén presentar nuns meses ante o Xulgado do Mercantil de Vigo.

Segundo informan fontes de REDE, "a idea é poder amparar a todos os usuarios de residencias de maiores de titularidade de DomusVi e de calquera das súas filiais en todo o Estado español".

En concreto, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, que á súa vez é secretario xeral de Acouga, explicou a Europa Press que o proceso de preparación desta demanda colectiva, coas súas dilixencias preliminares, "podería durar meses", polo que non será ata "polo menos, outubro", cando se presente ante un xulgado de Vigo, que é onde está a matriz do grupo.

Así, Pérez-Lema indicou que esta demanda civil versará sobre o "incumprimento substancial dos contratos" cos usuarios dos centros e as súas familias e que os mesmos "conteñen cláusulas abusivas". E será "para ver non só o incumprimento dos contratos pola entrada do virus" nos centros, senón tamén "incumprimentos anteriores", subliñou.

Por outra banda, en relación á xestión das residencias no marco da crise do coronavirus, Pérez-Lema avanzou que nos próximos días presentaranse varias denuncias penais por supostos delitos de homicidio por imprudencia e lesións por imprudencia nos centros de DomusVi Cangas, Matogrande (A Coruña), Barreiro (Vigo) e San Lázaro (Santiago).

Respecto diso da residencia de Cangas, onde chegou a haber máis dun centenar de anciáns contaxiados con COVID-19, cabe lembrar que unha xuíza xa arquivou unha denuncia interposta por REDE neste sentido o pasado 21 de abril porque, tal e como recollía o auto, non había "indicios suficientes da perpetración de delito" e non había concreción nos feitos denunciados.

Así mesmo, a Fiscalía Superior de Galicia xa sumou varias denuncias presentada por REDE ás dilixencias preprocesais civís que xa mantén abertas en centros de maiores no contexto da crise do coronavirus.

Feijóo coa conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, a empresa privada máis afectada por casos de coronavirus en centros de maiores
Feijóo coa conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, a empresa privada máis afectada por casos de coronavirus en centros de maiores | Fonte: xornalgalicia.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Courelois

Multa e cárcere son pouco pra istes asasinos e os seus cómplices da Xunta xacobea.

2 Allo

2400€ paga un usuario por estancia na DomusVi Matogrande. 3.5€ diarios, 105€ ao mes paga Domusvi a Eurest, Serunion e demais empresas de restauracion por cubrir a totalidade dun menú dun usuarios, incluindo, almorzo, xantar, merenda, cea.. incluidos salarios dos cociñeiros e beneficio da empresa de restauracion.. despois hai queixas da mala calidade das comidas.. 105€ destinados a comida de 2400€ cobrados aos usuarios.. sen comentarios..

1 Oposición?, ónde?

A grande causa esquecida da "oposición" galega (en tempos había algo así, non??)