Por E.P. | Santiago de Compostela | 01/06/2020 | Actualizada ás 16:48
Unicef Comité Galicia e a Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de previr e protexer fronte á COVID-19 a 583 familias con nenos en situación de vulnerabilidade do distrito capital de Caracas, en Venezuela.
Tal e como explicou Unicef, a pandemia de coronavirus levou en Venezuela ao peche temporal das escolas, unha decisión que supuxo a implementación dunha modalidade educativa non-presencial para a continuidade da aprendizaxe dos nenos, afectando tamén o funcionamento regular dos programas de alimentación escolar, de hixiene e de protección á infancia máis vulnerable.
Co peche das escolas e o illamento social establecidos como medidas preventivas fronte á COVID-19, "a capacidade dos fogares para garantir a alimentación de nenos e nenas viuse mermada", tal e como sinala a presidenta de Unicef Comité Galicia, Myriam Garabito.
Ante esta situación, o convenio asinado entre Unicef Comité Galicia e a Xunta pretende axudar a un total de 583 familias de nenos de escolas públicas de Caracas, a través da subministración de bolsas de comida quincenais como complemento alimentario, kits de hixiene e material de promoción de boas prácticas de hixiene dentro do fogar para a prevención da COVID-19.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.