Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2020 | Actualizada ás 19:17
Colectivos de usuarios, familiares e o Colexio de Educadores Sociais instaron á Xunta a rectificar e que proceda á reapertura dos centros de día e de terapia ocupacional antes de setembro, mes no que se prevé reiniciar uns servizos suspendidos desde mediados de marzo pola pandemia de coronavirus.
En senllos comunicados enviados aos medios este mércores, a Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace), a Federación Galega de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral e/ou Patoloxías Afíns (Aspace) e o Colexio de Educadores Sociais de Galicia solicitan á Consellería de Política Social que reconsidere a decisión de que estes centros, do mesmo xeito que as gardarías, permanezan pechados ata setembro.
Estes colectivos advirten que, desde o peche dos centros de día e de terapia ocupacional a mediados de marzo tras a declaración do estado de alarma para combater a pandemia de Covid-19, as familias asumiron a sobrecarga dos coidados, o que "a día de hoxe está a pasar factura no ámbito emocional e físico".
"O feito de que este peche se prolongue ata setembro agudizará máis esta situación", alertan as entidades que compoñen Aspace, que lembran que estes centros "non só prestan coidados" senón que tamén favorecen o mantemento e a dimensión social das persoas con parálise cerebral a través dos seus servizos de fisioterapia, logopedia, psicoloxía, lecer, formación ou terapia ocupacional.
Neste sentido, consideran que a prolongación do peche destes centros de terapia ocupacional pode provocar "o illamento social" das persoas con parálises e unha diminución na súa calidade de vida ao interromperse servizos "vitais" para evitar a súa deterioración física, psíquico ou cognitivo.
CENTROS DE MAIORES
Pola súa banda, o Colexio de Educadores Sociais cren que "co fin" de garantir a saúde de usuarios adóptase unha decisión que vai "na dirección contraria" pois un centro de día "non se limita a ser unha axuda á conciliación familiar, senón que parte de entender ao usuario como persoa de pleno dereito".
"Aínda alegando á seguridade cidadá como máxima motivación para tomar unha decisión deste tipo, consideramos que é unha medida que agrava a situación vital de centos de persoas maiores que sofren demencias e outras enfermidades dexenerativas e que son usuarias deste tipo de servcios", incide o Colexio, que trasladou a súa postura á Consellería de Política Social que dirixe Fabiola García, á que convida a cambiar a súa decisión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.