A Xunta aproba un macrovertedoiro nas Somozas para levar 300.000t de refugallos de lindano

Estará situado a menos de 250 metros dun espazo Rede Natura. A mesma empresa ten aínda sen tratar 10.000 toneladas de residuos do Prestige.

Por Galicia Confidencial | As Somozas | 10/06/2020 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

A Xunta está a tramitar a AAI (Autorización Ambiental Integrada) dun novo vertedoiro para 1,03 millóns de m3 de refugallos industriais no polígono industrial das Somozas ao que podería trasladar 300.000 toneladas de residuos de lindano do Porriño. Trátase das instalacións da antiga Sogarisa, sociedade pública de xestión de residuos industriais, agora “UTE PMA-CONTECO/SOGARISA”. No parque empresarial das Somozas localízanse varias empresas xestoras de refugallos que acumulan numerosas denuncias por verteduras, cheiros e incendios ocasionais.

Residuos do Prestige aínda sen tratar na planta das Somozas
Residuos do Prestige aínda sen tratar na planta das Somozas | Fonte: Adega

Segundo denuncia Adega, as instalacións para as que se solicita a AAI, incluido o novo vertedoiro, están destinadas ao procesamento e depósito de residuos industriais, moitos deles tóxicos e perigosos. Ademais, atópase a 250 metros dun espazo Rede Natura. “A ubicación dun complexo industrial destas características na cabeceira da ZEC Ortigueira-Mera, supón un alto risco para o medio ambiente e a saúde”, denuncia.

Este elevado risco, suliña, “corroborado polas múltiplas infraccións que por verteduras, cheiros e emisións á atmosfera teñen xerado as empresas ubicadas no parque empresarial das Somozas”, aumentaría xa que esta nova planta movería máis de 1 millón de m3 de residuos potencialmente perigosos.

Os ecoloxistas critican que a empresa queira validar este vertedoiro cun informe xeolóxico elaborado para todo o complexo en 2007 e piden a realización dun estudo xeotécnico propio e específico para o novo depósito. “Non facelo é unha omisión moi grave e podería ser causa de anulación da AAI, e mesmo devir en responsabilidades civís e xudiciais para a administración de acontecer un accidente”, advirten.

REFUGALLOS DO PRESTIGE

Adega lembra que no recinto desta empresa tamén se atopan 10.000 toneladas de refugallos do Prestige aínda sen procesar. Trátase de traxes, envases, areas, etc. depositados na antiga balsa de aguas pluviais do DDS I [depósito de seguridade I] ao parecer herdados do anterior concesionario. “Resulta case obsceno que se pretenda abrir un novo vertedoiro cando 18 anos despois do afundimento do Prestige non se pode aínda garantir o tratamento dos milleiros de toneladas de refugallos provocados por aquela catástrofe, máis aló de amorealos sine die”, din.

Localización da nova balsa de resíduos no complexo das Somozas que tratará os regugallos de lindano do Porriño
Localización da nova balsa de resíduos no complexo das Somozas que tratará os regugallos de lindano do Porriño | Fonte: Adega

E neste sentido, alertan da intención da nova concesionaria de depositar no novo vertedoiro  arredor de 300.000 t de terras contaminadas con lindano. “La Administración Autonómica está valorando la posibilidad de llevar a cabo en la zona de O Porriño una importante actuación de descontaminación de suelos con alto contenido en lindano”, recolle o documento da AAI. Uns regugallos que chegarían sen que a Xunta teña elaborado o pertinente proxecto de recuperación e descontaminación, como confirma unha investigación analítica encargada pola D. X. de Calidade Ambiental a finais de 2017.

“Resulta paradoxal que mentres o tecido industrial galego esvaécese, a Xunta segue teimando en converter a nosa terra nun enorme depósito de refugallos perigosos procedentes de todo o Estado. Un perfecto exemplo da economía circular que entende a Xunta: outros producen os bens, fican cos beneficios e marchan (Alcoa, Riotinto, Zeltia...) mentres Galiza pecha o círculo apandando cos refugallos”, denuncia Adega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 miñoca

Algunha organización politica ou ecoloxista alegou por escrito no período de información pública que comezou o 30 de marzo e rematou un mes despois. Se alguen o fixo, por favor, poñedeo aqui. Un saudo e grazas

1 Lobis

Lixo contaminado que ten que cruzar toda Galicia dun lado a outro para "escondelo" como o do Prestige. Esta é a industria que defende o noso Freijoo. Cando revente todo, vai dreitiño para a tía de Ortigueira, unha das nosas xoias. Pero para daquela o noso presidente xa estará de "asesor" en Endesa ou algo así.

1 Luismita

Recordo cando gobernou o psoe mais o bng que xa sogarisa trataba rediduos toxicos, e non vin que a pecharan , e mais, por aquel entonces eu traballaba ali e era cando mais animaladas se facian, grazas o señor pachi vazquez, por aquel entonces conselleiro de medio ambente