O Sergas recomendou restrinxir o uso de máscaras nos hospitais nos momentos máis duros da pandemia

Diferentes áreas sanitarias distribuíron ordes nas que aconsellaban usalas só en caso de contacto con pacientes sospeitosos por "limitación de existencias". Non as recomendaban para uso detrás dun mostrador, nos ascensores ou na limpeza dos cuartos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/06/2020 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

O Sergas deu unha recomendación xeral ás áreas sanitarias para evitar o uso de máscaras cirúrxicas e máscaras FFP2 nos hospitais galegos, agás situacións puntuais, durante os momentos iniciais e máis duros de transmisión da COVID-19.  De feito, ía máis alá nas súas recomendacións e apelaba á “responsabilidade profesional, social e moral” para o “correcto uso das mesmas dada a situación de limitación de existencias”.

Así, aconteceu, cando menos, nas áreas sanitarias de Santiago-Barbanza, Vigo e Ourense, Verín e O Barco. Así, as xerencias só recomendaban o uso das máscaras cirúrxicas durante o contacto con pacientes con sintomatoloxía respiratoria “con diagnóstico de COVID-19” así como nas indicacións habituais de “uso cirúrxico, partos, procedementos invasivos e illamentos por gotas en enfermidades como gripe”.

No caso das máscaras FFP2 o seu uso era recomendable na realización de técnicas e procedementos diagnóstico-terapeúticos que xeren aerosois e en indicacións habituais como “illamento de transmisión aérea como tuberculose”. Tamén durante o contacto con casos “probables/confirmados de COVID-19 a menos de 2 metros sempre que exista dispoñibilidade das mesmas”. En caso contrario, o Sergas aconsellaba o uso de máscaras cirúrxicas.

E o uso de calquera destas dúas máscaras era descartado para as “actividades e lugares que non impliquen contacto directo con pacientes que non formen parte das indicacións mencionadas anteriormente, nin en desprazamentos polo centro e áreas xerais”.

Sanitaira prepara unha sala de exploración
Sanitaira prepara unha sala de exploración | Fonte: EP

TAMPOUCO O SEU USO NA ATENCIÓN AO PÚBLICO

O Sergas tampouco indicaba o seu uso para circular polas instalacións dos hospitais ou para utilizar no ascensor, para o reparto de material, para atender aos usuarios, sen síntomas respiratorios detrás dunha mesa ou mostrador e, especialmente, “nas probas de diagnóstico por imaxe, consultas a pacientes, toma de mostras sanguíneas, etc... sen síntomas respiratorios”.

Ademais non estaba aconsellado para o persoal de mantemento ou de limpeza en habitacións convencionais e para o persoal de cociña que “usará as mascarillas hixiénicas –de papel-- para a protección dos alimentos segundo o procedemento”.

CRÍTICAS

Nos últimos días, sindicatos como  UGT, Prosagap, CIG, CC.OO., o Sindicato de Enfermería Satse ou entidades como a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) criticaron duramente á xerente da Área Sanitaria de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, tras dicir que os sanitarios contaxiáronse, primeiro, en “congresos” aos que asistiron, e logo nas salas de café dos centros hospitalarios. Unhas palabras que acenderon o ánimo de sindicatos, profesionais e asociacións que mesmo piden a súa dimisión.

De feito, a propia Eloína Núñez asinaba o pasado 18 de marzo, tres días despois de decretarse o Estado de Alarma, unha orde na que non recomendaba o uso xeral de máscaras entre os sanitarios. "Agás naquelas actuacións con pacientes con sospeita ou confirmación de COVID-19 ou patoloxía de tipo respiratorio, non é necesario o uso xeral de mascarillas”, recollía esta orde na que “non recomendaba” tampouco o emprego da máscara nos “desprazamentos internodos centros sanitarios,.

Un profesional sanitario acompaña a unha persoa maior nun hospital
Un profesional sanitario acompaña a unha persoa maior nun hospital | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

Así foi?, polo tanto non se prohibiu, senón que se recomendou aforrar material: https://maldita.es/malditobulo/2020...

1 43.000 mortos

Por favor investiguen o que pasou en Ourense... o xerente perseguia polos pasillos a médicos e enfermeiros por levar mascaras sanitarias.... seica amonestaron a un-ha celadora por levar mascara cirurxica!!!! un escandalo en metade dos pasillos o xerente!!!! INVESTIGUEN!!!!! xa basta!!!! e miren se o xerente e do pepeiro!!!! sempre atacan os das clases baixas os pringados!!!! os pringados meus!!!!