Por Alberto Quian | Madrid | 13/06/2020 | Actualizada ás 14:00
Mentres China ve xa a epidemia de Covid-19 como algo pasado e Europa está inmersa nun proceso de desescalada ante o retroceso dos contaxios e mortes por SARS-CoV-2, o virus golpea con forza agora en América Latina, que se converteu no foco principal da pandemia. A propia Organización Mundial da Saúde destacou que a situación actual do virus en Latinoamérica é a “máis complexa" do mundo.
Coa idea de “guiar a toma de decisións políticas a través de criterios epidemiolóxicos”, matemáticos galegos avaliaron o impacto real da epidemia en Latinoamérica, onde a vulnerabilidade das súas poboacións –pola pobreza e as deficientes condicións sanitarias e hixiénicas– fai temer aos expertos que se produza unha catástrofe aínda maior que en Europa.
Os seus autores son Marcos Matabuena Rodríguez e Francisco Gude (Unidade de Epidemioloxía clínica do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela), Carlos Meijide García (Universidade de Santiago de Compostela), Víctor Leborán (CiTIUS - Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) e Pablo Rodríguez Mier (Centro de Investigación en Toxicoloxía Alimentaría da Universidade de Toulouse)
Nos seus cálculos, observaron, por exemplo, que “Ecuador e Brasil son os países máis afectados, con aproximadamente o 3% da poboación infectada”. E advirten de que nos países latinoamericanos “aínda non se alcanzou o pico de pacientes recentemente infectados”.
“Actualmente, o número de novas infeccións está a aumentar en todos os países examinados, coa excepción dalgúns do Caribe como Cuba”, achegan nun novo traballo de investigación tras aplicar o seu modelo matemático en España.
"As autoridades sanitarias cubanas seguramente actuaron de maneira eficaz, como ocorreu en Europa en países como Portugal e Grecia"
O seu obxectivo foi estimar a seroprevalencia en América Latina até o 7 de xuño, usando como principais variables, por día, o número de individuos infectados que están incubando o virus; o número de persoas infectadas que pasaron o período de incubación e, entre estas, as que non mostran síntomas ou estes son leves; o número de persoas infectadas que pasaron o período de incubación e mostran síntomas graves; o número de casos recuperados que aínda poden infectar, e o número de novas infeccións cada día.
Os investigadores sinalan dous grupos diferentes na evolución da epidemia. O primeiro grupo fórmano países de América Central e do Caribe, “como Cuba e Porto Rico, onde a situación parece estar baixo control”, indican.
“Seguramente, nunha illa como Cuba, sexa máis doado controlar a difusión do virus. Aínda que neste caso concreto as autoridades sanitarias seguramente actuaron de maneira eficaz, como ocorreu en Europa en países como Portugal e Grecia”, compara Marcos Matabuena.
Profundando máis na comparación entre Europa e Latinoamérica, o matemático –tamén adscrito ao CiTIUS– explica que “en Europa poucos países actuaron a tempo e tomáronse en serio a evidencia científica inicial publicada en xaneiro-febreiro cos primeiros estudos epidemiolóxicos de Wuhan sobre a elevada capacidade de difusión e taxa de fatalidade do virus”.
No caso americano, “é un ecosistema moi rico onde hai significativas diferenzas económicas, sanitarias, sociais e políticas entre países; por exemplo, en Cuba ao comezo da pandemia anunciaron políticas sanitarias de contención do virus, mentres que outros gobernos como o brasileiro apenas introduciron medidas ou estas chegaron tarde, cos riscos que isto causa debido ao contraste social deste país”.
“Os países con máis infeccións son Ecuador, Brasil, Chile e Perú, cunha incidencia de entre o 2,5 % e o 4 % da poboación”
O resto de países latinoamericanos sitúanos no outro grupo, “onde a taxa de novas infeccións está a crecer, e isto pode indicar que unha situación de epidemia é peor”.
En particular, apuntan que “os países con máis infeccións son Ecuador, Brasil, Chile e Perú, cunha incidencia de entre o 2,5 % e o 4 % da poboación”.
“Curiosamente”, explican, “en Arxentina e Colombia o número estimado de infeccións é baixo, a pesar da súa situación xeográfica” respecto aos países anteriormente mencionados.
No caso de Arxentina, o menor impacto da pandemia podería explicarse porque “o Goberno impulsou unha dura corentena”, estendendo o confinamento da poboación polo menos ata o 28 de xuño, “é dicir, ata alcanzar un total de cen días". “E en Colombia tamén se tomaron duras medidas de bloqueo”, achega Matabuena.
LATINOAMÉRICA VS EUROPA
Mediante o modelo matemático aplicado observan que “a cantidade de infeccións estimadas en América Latina é menor que nos estudos epidemiolóxicos europeos”. Con todo, matizan, “para comparar rigorosamente a propagación de epidemias, hai que realizar as análises nas mesmas condicións”.
Así, destacan que “en América Latina o número de casos novos está a aumentar, e as medidas de bloqueo ou a distancia social non poden ser tan estritas” nestes países como o foron nos europeos ou China, ou son “difíciles de implementar nalgunhas contornas, por exemplo, nas áreas de maior pobreza”. Por tanto, engaden, “é previsible que, no futuro inmediato, o número de infeccións sexa aínda maior”.
En todo caso, asumen que unha “posible limitación” das súas estimacións é que o número de mortes nestes países “pode ser maior” que os que reflicten os datos gobernamentais.
"Os casos reportados polos gobernos sempre son menores que a porcentaxe real de infectados, e isto é máis notable en países con máis pobreza ou desigualdade social”
“Unha corrección precisa require o uso de rexistros de mortalidade anteriores, pero esta información non sempre está dispoñible na maioría dos países considerados. De feito, excluímos Venezuela e outros países na análise debido á mala calidade dos datos”, explican.
Neste sentido, Marcos Matabuena comenta que “os casos reportados polos gobernos sempre son menores que a porcentaxe real de infectados, e isto é máis notable en países con maiores niveis de pobreza ou desigualdade social”.
Neste contexto, insiste en que hai que “ser máis cautelosos coas estimacións nos países de América Latina que nos países europeos”.
“Seguramente, a longo prazo, as consecuencias do virus sexan moito máis dramáticas en Latinoamérica, posto que o número de infeccións segue crecendo e aínda non se alcanzou o famoso pico”, conclúe Matabuena.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.