Os occidentais fomos causantes das guerras no Corno de África e agora tamén do cambio climático na zona

Jorge De Torres Rodríguez, arqueólogo do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, forma parte do equipo que demostra que o Corno de África foi un lugar moi próspero noutra época e que os estados fallidos da actualidade débense "ás divisións artificiais que os imperios coloniais fixeron na zona en séculos pasados, separando poboacións nómades ata en 5 países diferentes".

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 12/11/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Corno de África (Etiopía, Eritrea, Somalia, Yibuti, Kenia e Somalilandia, estado non recoñecido) é lugar de constantes conflictos na actualidade, fame negra e devastación, pero o certo é que isto non sempre foi así. Houbo un tempo no que, aínda que custe crelo, esta era unha rexión próspera e cun futuro moi prometedor. Iso si, para achar ese tempo hai que remontarse ata a Idade Media, cando todo o paso do comercio entre Asia e Europa tiña que atravesar a zona, de maneira que os poboadores se beneficiaban do tránsito e lograban gañar o sustento como mercaderes nómades. Dende o Galicia Confidencial falamos hoxe con Jorge De Torres Rodríguez, arqueólogo do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC (INCIBIT-CSIC), un dos codirectores dun proxecto que trata de recuperar as raíces do pasado grandioso dalgúns asentamentos medievais do Corno de África, para "reencher un oco enorme que hai na historia medieval desa rexión, entre os séculos XIII e XVI, principalmente".

Guerra colonial
Guerra colonial | Fonte: Arquivo

"O Corno de África, a pesar de ter fama de ser zona de fame negra, historicamente, e ata fai relativamente pouco, foi unha das zonas máis vibrantes e máis complexas do continente africano e de toda a rexión do Océano Índico", asegura De Torres, que explica que "ao ser unha zona conectada a través do Mar Vermello, o Golfo Pérsico e o Océano Índico, cun montón doutras zonas importantes preto, como o Mar Mediterráneo, Asia e Oriente Próximo, sempre actuou como unha especie de cruce de camiños para moitos intercambios culturais, económicos e sociais". Foi por este motivo que "o Corno de África tivo un desenvolvemento histórico, cultural e económico moi complexo, sendo moitas veces fonte de problemas, pero tamén moitas outras berce de sociedades complexas e vibrantes moi activas". É por iso que o arqueólogo lamenta que "a imaxe que se está dando actualmente da zona é completamente parcial e derivada do impacto colonial de finais do século XIX e comezos dos anos 20 e 30 do século pasado, porque, historicamente, sempre foi unha zona moi rica".

Así, a pesares de que o que máis se coñece na actualidade do Corno de África é a zona norte, a xudeocristiana, onde se atopan as famosas igrexas ou estelas de Aksum, coincidente coas terras santas etíopes, o que Jorge De Torres e o seu equipo estudan é a zona sur, moito menos coñecida, e zona de nómades, de poboacións menos coñecidas, pero moi interesantes dende o punto de vista arqueolóxico. En cocreto, comezaron no ano 2015 traballando na rexión de Somalilandia como parte dun proxecto máis amplo que pretendía investigar o comercio internacional na costa este africana. Kenia e Tanzania son dúas áreas que xa contaban cunha gran presenza de investigadores franceses, así que, dende o CSIC, orquestaron un proxecto que tiña dúas patas diferentes: unha en Mozambique e outra en Somalilandia, co obxectivo de estudar os dous extremos desa costa oriental africana. E, aínda que o proxecto en Mozambique xa terminou, dende o 2015 ao 2020 estiveron traballando sobre Somalilandia, e comezaron posteriormente a moverse a outros lugares, estando dende o 2021 en Yibuti e comezando no 2022, á par, en Etiopía. Neste último país comezaron agora un proxecto que pretende explorar unha zona que se estudou moi pouco na fronteira con Somalia, un lugar no que só se coñecían catro xacementos e no que, a raíz das escavacións do equipo, se localizaron outros 20 novos xacementos en dous anos.

"OS MONZÓNS FAN QUE OS VENTOS CAMBIEN DE DIRECCIÓN UNHA VEZ AO ANO, PERMITINDO UNHA NAVEGACIÓN SINXELA DE ASIA A ÁFRICA E DE ÁFRICA A ASIA"

De Torres resalta que "aínda que todos estes son países diferentes teñen un mesmo contexto se nos remontamos ata a Idade Media: era zona de musulmáns". Así, no 2019 conta que "escavamos unha necrópole na costa de Somalilandia, Xiis, que nos proporcionou materiais romanos do século II despois de Cristo, materiais que se poden atopar perfectamente ao longo de todo o Mediterráneo e que aparecen en tumbas de nómades de Somalia". Tamén apunta a outra escavación en extensión feita nunha cidade medieval de Somalilandia na que "atopamos evidencias dun comercio internacional moi sofisticado e de importantes relacións comerciais co Imperio Romano, con Asia, con Xapón...". Así mesmo, "en Yibuti, actualmente, estamos explorando o único xacemento que hai, Handoga, unha cidade localizada preto da fronteira con Etiopía, perfectamente preservada e abandoada no século XVI de maneira pacífica e na que levamos catro anos escavando, recompoñendo e reconstruíndo toda a vida da cidade, dende as cousas máis humildes, como coñecer de que se alimentaban ou como os producían e organizaban as casas, ata as máis complexas, como coñecer como comerciaban".

Escavacións dos arqueólogos do CSIC no Corno de África
Escavacións dos arqueólogos do CSIC no Corno de África | Fonte: Europa Press - Arquivo

E é que precisamente en Handoga os arqueólogos fixeron un descubrimento único: a primeira moeda china localizada nun contexto arqueológico do Corno de África. Se ben posteriormente atoparon outras dúas moedas máis en Etiopía e novamente en Handoga, esa foi a primeira. Non é de estrañar tal achado sendo este un importante lugar de paso comercial. Como explica De Torres, "o Corno de África está localizado á saída do Mar Vermello, de tal xeito que é unha vía de comunicación natural entre o Mar Mediterráneo e o Océano Índico". Neste lugar, na zona que vai dende Camboia, Vietnam e Tailandia a África hai uns fenómenos climatolóxicos denominados monzóns que fan que, unha vez ao ano, os ventos cambien de dirección, de tal maneira que cando os monzóns que se desprazan cara o norte fan que os ventos sopren nunha dirección e, cando os monzós se desprazan cara o sur, fan que sopren noutra", explica o arqueólogo, que indica que "isto permite unha navegación moi sinxela, porque podes utilizar o vento ao teu favor en dous momentos do ano: entre xaneiro e xuño, por exemplo, pode ser moi sinxelo viaxar de este a oeste, de Tailandia a África; e de xuño a xaneiro, ao revés, de oeste a este, de África a Tailandia".

Isto foi algo que dende a Prehistoria mesmo permitiu a navegación moi sinxela e cómoda entre África e Asia e toda esa enorme rexión que a día de hoxe vemos como dous continentes claramente separados pero que, realmente, antigamente, se atopaban conectados de maneira continua. "Os mercaderes da India viaxaban nunha época do ano cara África, comerciaban alí e logo volvían á India cando cambiaban os ventos", conta De Torres, que matiza que "non é que houbese mercaderes chineses nin romanos que chegasen directamente a África, senón que o que facían era comerciar coa rexión a través de intermediarios: xente de Taiwán chegaba á India para comerciar, da India saía xente para Iemen e de Iemen saía xente para África, conformando un sistema moi complexo de relacións económicas, culturais e diplomáticas". E é que, como destaca, "o Corno de África estaba nun lugar privilexiado: se un mira no mapa ve como a posición do Corno de África permite conectar todos os barcos que chegan dende o Océano Índico co Mediterráneo a través do Mar Vermello, polo que, inevitablemente, ten que ser zona de contacto entre diferentes civilizacións".

"A COSTA DE SOMALILANDIA ESTÁ CHEA DE MATERIAIS DE PERSIA, INDIA, XAPÓN, CHINA... O QUE DEMOSTRA QUE ERAN GRANDES MERCADERES NÓMADES"

O contacto entre diferentes culturas e pobos quedou así plasmado nos elementos arqueolóxicos que a día de hoxe os investigadores do CSIC foron quen de recuperar da zona. "Na costa de Somalilandia os restos que achamos están completamente chegos de materiais de Persia, da India, de Xapón, de China, de Taiwán, de Tailandia, do Mediterráneo...", asegura. E que se levaban todos estes comerciantes chegados de lonxanas rexións do Corno de África? "Sobre todo, incenso e mirra, porque o Corno de África é famoso pola exportación deste tipo de resinas, así como peles de animais, herbas menciñais, esclavos durante a Idade Media, caparazóns de tartaruga...", apunta De Torres. Agora ben, por que non se coñecían antes todas estas vilas? Porque, "ao contrario que noutras partes de África, este comercio internacional nunca deu lugar a grandes cidades", de tal xeito que "na zona de Kenia e Tanzania apareceu unha cultura relacionada con ese comercio coñecida como cultura suahili, precisamente asentada na zona de Somalilandia, onde o clima fai que non se poida ter de maneira doada cidades asentadas na costa". Así, "o que acontecía era que, en determinados momentos do ano, os nómades chegaban á costa e conectaban cos mercaderes que viñan de Iemen ou da India e outros lugares e, rematado ese período de comercio, esa tempada que duraba tres ou catro meses, volvían cara o interior da rexión", conta o arqueólogo.

E esa é precisamente unha das razóns polas que eses asentamentos quedaron deshabitados xa fai anos. De Torres explica que "a costa desta zona do Corno de África é moi desértica, e nela era ata fai ben pouco, coa chegada da electricidade e do aire acondicionado, imposible vivir todo o ano", polo que "había moi poucas cidades". A única cidade que existía chamábase Zeila e "cítana xa dende fai 2.000 anos". Fóra desa, as demais cidades que existen actualmente na zona son relativamente modernas, pois as datadas na Idade Media están no interior, montañas adentro, como é o caso de Handoga. Con todo, "o que si había eran pequenos pobos pesqueiros". Deste xeito, "eran os nómades os que se encargaban de comerciar e negociar, e facíano de maneira estacional", polo que os restos que atopan os arqueólogos do equipo do CSIC actualmente son, precisamente, "os restos deses campamentos nómades". E, aínda que poida pensarse que deben ser escasos, nada máis lonxe da realidade. De Torres apunta a "lugares nos que hai seis ou sete quilómetros de materiais comerciais e de ósos, de tumbas, que indican que alí había amplas zonas nas que os nómades estiveron indo comerciar durante séculos".

Pese á dificultade que supuxo, os arqueólogos do CSIC foron quen de atopar 20 asentamentos nómades non coñecidos ata a data na zona. De Torres explica que "a zona que estamos a estudar actualmente no Corno de África pode ser equivalente en estensión a toda Extremadura ou a toda Castela-A Mancha e, nela, sábase que hai ao redor duns 150 xacementos, polo que aínda está todo practicamente por facer". Con todo, recoñece que, aínda que na zona hai outros equipos de investigadores franceses e británicos traballando, estes centráronse máis en estudar xacementos xa coñecidos, mentres que "nós tratamos de combinar o estudo de lugares xa coñecidos co de sitios non coñecidos ou dos que, quizáis, só se coñece o nome porque algún viaxeiro do século XIX o citou como unhas ruínas, pero non existe documentación algunha". Ademais, o arqueólogo tamén pon en valor que "ultimamente a xente de Somalia, Yibuti e Etiopía está apostando fortemente por recuperar o seu patrimonio, habendo xa iniciativas dende institucións locais para tratar de localizar, estudar e documentar estes xacementos".

"O GRAN PROBLEMA DO SURESTE DO CORNO DE ÁFRICA EMPEZA A COMEZOS DO SÉCULO XX, COA CREACIÓN DAS FRONTEIRAS ENTRE OS TERRITORIOS COLONIAIS"

A pregunta é: tal e como está a situación de conflicto na zona hoxe en día, canto custa a estes equipos de arqueólogos realizar as súas escavacións? En primeiro lugar, De Torres ponnos en contexto do que acontece actualmente na zona: "A maldición do Corno de África non é algo que veña de agora mesmo, aínda que nós coñezamos todos os problemas que hai na rexión a raíz da fame negra dos anos 80 e das Guerras Civís e o terrorismo", pero, "realmente, o gran problema que tivo a parte sureste do Corno de África (onde o equipo do CSIC investiga), empeza a comezos do século XX, cando se crean as fronteiras entre os diferentes territorios coloniais". Nese intre, "a zona somalí queda dividida en tres zonas coloniais: a Somalilandia francesa, hoxe coñecida como Yibuti; a Somalilandia británica, a actual Somalilandia, un país independente a pesar de que hoxe en día non é recoñecido por ninguén; e a Somalilandia italiana, a actual Somalia". Así mesmo, "ademais deses tres países que directamente son colonias, tamén houbo unhas parte dos somalís que foron conquistados por Etiopía e outra parte que quedou dentro do Corno de África". Para De Torres é evidente que "esa división colonial que deu lugar a que a etnia somalí quedase dividida en 5 países diferentes, foi a orixe da metade das guerras actuais no corno de África: unha división xerada polos europeos no século XX cando abandoaron a rexión".

Con todo, o arqueólogo asegura que, "á hora de traballar sobre o terreo, en realidade, hai moitos menos problemas no que semella, xa que Yibuti é un país moi estable, pequeniño, ben organizado e controlado, mentres que, en Etiopía, ultimamente as guerras civís que houbo concentráronse no norte e, en Somalilandia, un país que non está recoñecido por ninguén actualmente pero que funciona de xeito independente, nós traballamos ben durante 6 anos alí". De tal maneira que, "se falamos de perigo, eu non tiven o máis mínimo problema nos 20 anos que levo traballando no Corno de África, nin no 2006 cando comecei as escavacións no norte de Etiopía, nin no 2015 cando baixamos ao sur". Con todo, De Torres si concede que, como resulta evidente, "a loxística é máis complicada nesta zona que en España, América ou Europa", pero "a crave está en desenvolver boas relacións coas institucións locais e coa poboación local en xeral, é dicir, non aterrar alí sen saber nada, senón poñerse previamente en contacto coas universidades, os grupos de investigación e as autoridades locais para que che faciliten un pouco a entrada na rexión". E, nese sentido, asegura que "os somalís son marabillosos, xente moi amable, disposta a axudar e moi motivada tamén por quitar esa mala fama que pesa sobre a rexión arredor do mundo".  "Grazas á súa vontade a investigación alí é moito máis sinxela do que 'a priori' poderiamos imaxinar", confesa o arqueólogo.

Despois de todas as investigacións realizadas e de poder esquematizar como foi o pasado da zona, preguntámoslle a De Torres se considera que esta rexión cambiou para mellor ou para peor, ao que nos resposta que "esa é unha das grandes preguntas que se fai o grupo que eu dirixo, e que parte de outra que é: por que os estados do Corno de África fallan?". E é que "se un pensa en cal é a definición de estado fallido, de seguida lle vén á mente Somalia como un bo exemplo de estado fracasado onde en máis de 30 anos foi imposible xerar estabilidade". Así as cousas, o arqueólogo conta que, "cando eu comecei o meu proxecto no ano 2020 a pregunta era: por que se durante os séculos XIII a XVI houbo estados que foron estables no Corno de África e que souberon dar estabilidade ás rutas comerciais, á poboación e á gran diversidade étnica e relixiosa, agora non son quen de facelo?". Despois de catro anos de proxecto, "o que eu estou chegando a concluír é que un dos grandes problemas foi a intervención europea nesta zona, que marcou formas de entender a realidade que non se corresponden coa identidade da poboación que está vivindo alí".

"O CORNO DE ÁFRICA É UNHA DAS REXIÓNS CON MENOS EMISIÓNS E A QUE MÁIS SOFRE O CAMBIO CLIMÁTICO, CAUSANTE DA PERDA DA IDENTIDADE DOS SOMALÍS"

Por exemplo, apunta a que "a identidade dos somalís é nómade ao 90 %, polo que colocar líñas fixas no territorio estaos obrigando a adaptarse a unha realidade que non é a súa, que non entenden". "Por que os estados do pasado eran moito máis eficientes á hora de controlar un territorio? Porque non intentaban controlalo da mesma maneira que o fai un estado occidental, adaptábanse á realidade que tiñan no territorio", asegura De Torres, que é por iso que considera que, "nese sentido, os estados actuais e a poboación da rexión evolucionou a peor". Con todo, fai un chamamento a ter coidado tamén con idealizar o pasado, pois afirma que "a Idade Media tamén está chega na zona de guerras relixiosas cruentas entre musulmáns e cristiáns, con moitos episodios de violencia e destrución de xacementos e con migracións moi dolorosas para moitas familias". Aínda así, insiste en que "si creo que a sociedade en xeral estaba moito mellor adaptada á realidade xeográfica da rexión no pasado, unha rexión xa de por si moi dura, moi seca e na que hai que ter moito coidado coas choivas estacionais, onde se debe manter un equilibrio moi delicado co medio ambiente para que todo funcione como debe".

Esta é outra cuestión que o arqueólogo do CSIC denuncia: como o cambio climático está afectando enormemente ao Corno de África a pesar de non ter culpa na súa xeración. "O Corno de África é unha das rexións que menos emisións de carbono emite, pola súa propia estrutura e configuración de poboación e, sen embargo, é un dos lugares do mundo que máis está sufrindo o cambio climático: episodios de fame negra, sequías, pragas de langostas, inundacións terribles nos últimos dous anos...", lamenta De Torres, que explica que "esta é unha zona que ten un equilibrio moi delicado e na que somalís e outro grupos étnicos foron quen de sobrevivir e prosperar ao longo dos séculos, pero na que vén que agora algo está cambiando". E máis aló do impacto que o cambio climático poida ter sobre animais e colleitas, como acontece noutros lugares do planeta, no Corno de África trae un problema engadido e máis grave, se cabe: a perda da propia identidade dos somalís.

De Torres explica que "os somalís xeraron toda unha cultura baseada en como xestionar a súa relación co medio ambiente: os nómades sabían como chegar ás zonas de pasto no momento no que nelas había auga, e como saír das zonas secas no momento en que comezaba a maior sequía, é dicir, sabían como moverse polos diferentes lugares do territorio en función da época do ano, para poder alimentar aos seus animais e a eles mesmos". Esta era unha tarefa que sempre se lle encomendaba aos anciáns, "aos que se lles atribuían coñecementos en astronomía que lles permitían saber cando ía cambiar o tempo segundo os meses do ano". "Co cambio climático estas predicións comezan a fallar e, debido a iso, xa non só morren os animais, senón que, de certo xeito, tamén morre a cultura somalí, porque os anciáns xa non son válidos para a sociedade", lamenta o arqueólogo do CSIC. Así mesmo, "o cambio climático xa non só ten impacto no plano económico e patrimonial, senón que tamén disgrega á poboación, que se vai cada vez máis ás cidades e abandona o nomadismo, vivindo amoreados en espazos que non están preparados para alimentar a tanta xente, e desintegrándose así as redes familiares tradicionais baseadas no clan", conclúe De Torres.

Jorge De Torres Rodríguez, arqueólogo do CSIC
Jorge De Torres Rodríguez, arqueólogo do CSIC | Fonte: Research Gate
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta