A Xunta pide manter as axudas a Alcoa a pesar do despido masivo de traballadores

Insiste en responsabilizar da situación ao executivo de Pedro Sánchez e pide "deixar de perder o tempo"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2020 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu este domingo na importancia de que industrias electrointensivas, como Alcoa-San Cibrao, teñan "unha tarifa especial" para poder "seguir producindo en España", a pesar do despido masivo de traballaores, algo, dixo, que lograron articular "todos os gobernos que precederon" ao actual.

"Pero na última formulación de interrumpibilidade realizado polo Estado, o que ocorreu é que ás empresas que antes recibían máis incentivos nesa tarifa, agora recibiron menos, e unhas empresas que antes non recibían nada agora recibiron subvencións", dixo. Desta forma, de acordo con cifras do presidente galego, as compañías beneficiarias pasaron de 100 a 600.

No caso concreto da planta de San Cibrao, aínda que non quixo falar "nominalmente" de Alcoa como compañía, Feijóo aseverou que se trata de "manter a única fábrica de aluminio primario en España". E que, a pesar dos despidos masivos, hai que manterlle as axudas. "É fundamental que esa factoría non se peche, moito menos agora que estamos para salvar empresas, non para condenar empresas", sentenciou.

Planta de aluminio de Alcoa San Cibrao. WIKIPEDIA
Planta de aluminio de Alcoa San Cibrao. WIKIPEDIA

CRÍTICAS AO GOBERNO CENTRAL

Neste sentido, e a pesar de non presentar ningún plan da Xunta, afeou non recibir "ningunha" proposta por parte do Goberno central para evitar o peche da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao. Por iso, pediu "deixar de perder moito máis tempo e sentar e falar realmente" sobre o mantemento desta fábrica "fundamental" non só para a industria española, senón para a galega e para A Mariña.

Tamén dixo que no encontro telemático con Sánchez deste domingo, este non respondeu sobre esta cuestión, "nin na anterior conferencia de presidentes nin nesta". "Podo entender que non responda a cuestións que afectan a unha única comunidade autónoma", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta