O TSXG confirma a condena de prisión permanente revisable ao asasino de Diana Quer

O Alto Tribunal galego informou da desestimación do recurso de apelación presentado pola defensa de Abuín Gey.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2020 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena a prisión permanente revisable imposta a José Enrique Abuín Gey, coñecido como 'O Chicle', polo asasinato no verán de 2016 da moza madrileña Diana Quer na Pobra do Caramiñal.

Este venres, o Alto Tribunal galego informou da desestimación do recurso de apelación presentado pola defensa de Abuín Gey. A vista tivo lugar a finais do mes de maio despois de varios adiamentos motivados pola pandemia de coronavirus.

Deste xeito, o TSXG confirma a sentenza da sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, que, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a 'O Chicle' como autor da agresión sexual e asasinato de Diana Quer á pena de prisión permanente revisable.

O acusado polo presunto asasinato de Diana Quer, José Enrique Abuín Gey, alias `o Chicle´ durante a sesión final do xuízo, en Santiago de Compostela/Galicia (España), a 22 de novembro de 2019.. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo / Europa Press
O acusado polo presunto asasinato de Diana Quer, José Enrique Abuín Gey, alias `o Chicle´ durante a sesión final do xuízo, en Santiago de Compostela/Galicia (España), a 22 de novembro de 2019.. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo / Europa Press

Nun fallo emitido este venres 19 de xuño contra o que cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo, a Sala do Civil e Penal do Alto Tribunal galego sentenza que "non existe dúbida ningunha" sobre a realidade dos feitos considerados probados durante o xuízo que sentou a Abuín Gey no banco a finais de 2019, dous anos despois de que, tras case ano e medio de investigación, confesase o paradoiro do corpo de Diana Quer, escondido nun pozo dunha nave de Asados, en Rianxo.

A avogada defensora de 'O Chicle' demandou a nulidade do xuízo polo que foi sentenciado o seu cliente ao enteder que o proceso "estivo contaminado" por unha "presunción de culpabilidade" contra el e "non foi limpo". "Manipuláronse as probas", sostivo a letrada na vista de apelación celebrada a finais de maio no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No seu recurso, sustentaba a súa petición na "falta de independencia e imparcialidade" do desenvolvemento xudicial e dos médicos forenses, peritos e axentes que achegaron testemuños e probas ao caso. A defensa de 'O Chicle' tamén consideraba "defectuoso" o veredicto e a sentenza contra o seu cliente que, segundo a súa avogada, viu vulnerado o seu dereito á presunción de inocencia nun proceso "influído" pola repercusión mediática do caso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta