Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2020 | Actualizada ás 16:19
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este sábado que os españois que van elixir viaxar a Galicia nos próximos meses "non son visitantes, senón parentes que se reencontran con parte da súa familia" e reiterou que a comunidade ofrecerá a súa hospitalidade aos turistas. "Galicia volve, Galicia espéravos e Galicia quérevos", subliñou ao tempo que anunciou unha gran campaña publicitaria para atraer e recibir a estes turistas "cos brazos abertos".
O xefe do executivo galego participou na presentación dunha nova campaña de promoción turística, titulada precisamente 'Galicia volve', que se poderá ver desde este sábado en diferentes formatos e cuxo vídeo principal protagoniza a actriz gañadora do Goya Benedicta Sánchez. No acto, o presidente galego aproveitou para dicir aos españois que, "sexa cal for a súa orixe, Galicia tamén é súa". "Xuntos compartimos a España común e forxamos unha nación de todos", aseverou.
A Comunidade galega retoma a actividade e ábrese "con seguridade, con calidade, con hospitalidade e cos valores de sempre", destacou Feijóo, que reivindicou que Galicia demostrou durante estes meses de crise sanitaria que é "responsable" e conta con "estruturas de servizos públicos eficientes".
Os locais de hostalaría, agregou, levan semanas abertos e pronto se unirán os de lecer nocturno, "con responsabilidade e cautela". Ademais, desde este domingo reecupérase a mobilidade no espazo Schengen e o 1 de xullo farase o mesmo con Portugal. Desde esta última data, destacou o presidente galego, a catedral de Santiago "volve ser o lugar de encontro espiritual de Europa e o Camiño volverá acoller camiñantes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.