Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2020 | Actualizada ás 10:00
O 15 de xuño a conselleira de Política Social Fabiola García anunciou que adiantaría a reapertura dos centros de día da comunidade galega dende setembro -unha previsión que caracterizou de "horizonte temporal"- a comezos de xullo. A conselleira condicionou nese momento a reapertura á existencia dun procolo no centro, a superación dun curso de formación ofrecido pola propia institución e a dispoñibilidade de material sanitario.
Hoxe, a menos dunha semana do 15 de xullo, día marcado para o inicio destas reaperturas, traballadores de diversos centros de día denuncian que carecen tanto de "indicacións claras" por parte da Xunta como do material desinfectante necesario para desenvolver as súas tarefas de xeito seguro. En particular, destacan a ausencia de EPIs e, por riba, unha escaseza de persoal que redunda no "risco moi elevado" ó que, consideran, a Xunta está sometendo a usuarios e traballadores.
Por esta razón, empregados dos centros de día a través de CNT demandan ó executivo de Núñez Feijóo e, en particular, á rama controlada por Fabiola García, que suspenda a reapetura dos centros para que a saúde do persoal e dos usuarios non se vexa "gravemente comprometida", "co risco que isto supón para todos os habitantes de Galicia".
"NON DEBERÍAN ABRIR"
"A pesar do anuncio electoralista da Xunta de Galicia, os traballadores e traballadoras dos centros de día da Consellería teñen claro que estes centros aínda non deberían abrir", destacan nun comunicado remitido pola organización sindical. Neste aspecto, fan fincapé no especial papel co que contaron as residencias na mortalidade total rexistrada por covid-19 en Galicia. "A situación da Mariña pode quedar en anecdótica se temos en conta que a maior parte dos contaxios durante a Emerxencia Sanitaria producíronse en centros de día e residencias".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.