Denunciado o responsable dunha festa nun cámping en Santiago por incumprir as medidas sanitarias

Fíxose unha festa na noite do pasado sábado "sen respectar as obrigas sanitarias relacionadas co coronavirus".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/08/2020 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

A Policía Autonómica denunciou ao responsable da organización dunha festa nun cámping de Santiago de Compostela na que "se incumpriron as medidas adoptadas polas autoridades competentes" para facer fronte á crise sanitaria provocada polo coronavirus COVID-19.

Imaxe dun cámping
Imaxe dun cámping | Fonte: Europa Press.

Así o informou a Vicepresidencia da Xunta, que explicou que axentes da Xefatura da Policía Autonómica de Santiago recibiron aviso de que nas instalacións dun cámping da cidade levaba a cabo unha festa na noite do pasado sábado "sen respectar as obrigas sanitarias relacionadas co coronavirus".

Unha vez no recinto os axentes comprobaron que "a maior parte dos asistentes incumpría o distanciamento social", explicaron as mesmas fontes, e tampouco levaban posta máscara, polo que informaron por megafonía aos participantes do evento das instrucións sanitarias, "que foron tidas en conta desde ese momento", subliñaron.

A Policía Autonómica proporá ás autoridades competentes sanción ao responsable da organización da festa "por infrinxir as medidas vixentes para frear a expansión do coronavirus relacionadas co distanciamento social e o uso de máscara", concluíu a Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta