“Antes, a familia forestal faciamos concentracións cando un compañeiro perdía a vida”

A morte do piloto portugués Jorge Jardim en territorio galego tentando apagar o lume do Xurés volveu a activar a solidariedade entre os que loitan contra os lumes forestais.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 11/08/2020 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

“Até fai pouco cando un compañeiro deixaba a súa vida no monte loitando contra os incendios forestais os que integramos a familia forestal sempre faciamos concentracións na sua honra gardando uns intres de silencio, reflexión, memoria e solidariedade coa familia e amigos, agora nin iso...”. Con esta contudencia se manifesta un traballador de loita contra os lumes polo terrible accidente dun hidroavión que lle custou a vida ao piloto Jorge Jardim.

E aínda que o piloto sexa portugués, na loita contra os lumes non hai nacionalidades. Todos son unha piña e todos se xogan a vida por tentar erradicar unha situación que en máis do 95% das ocasións é provocada, como está acontecendo no Xurés, onde morreu Jardim. Alí, desde o xoves houbo seis incendios nunha mesma zona. Agora son dous lumes os que están consumindo ese fermoso parque natural, que só no lado galego leva case 500 hectáreas consumidas.

“Estamos tan inmunizados diante das desgrazas que esquecemos até de honrar a quen deixa a súa vida na loita contra o cancro dos incendios forestais. Vergoña allea. Jorge Jardim era moi boa persoa e moi bo profesional. Non o esquecemos”, apuntan un técnico forestal.

Hidroavión accidentado nun incendio en Lobios
Hidroavión accidentado nun incendio en Lobios | Fonte: Twitter

CONCENTRACIÓNS

Precisamente, para recuperar ese espírito de cooperación, os tecnicos de loita contra incendios que levan xa oito días folga indefinida para pedir mellores condicións no seu traballo, converteron a súa protesta deste domingo nun acto de "recoñecemento e condolencias" polo accidente dun hidroavión que participaba este sábado nos labores de extinción do incendio de Lobios.

Un dos representantes destes traballadores, Xabier Bruña, da CIG, explicou que a concentración --unha protesta que vai cambiando de escenario polas catro provincias e que este domingo se fixo en Lugo-- foi silenciosa debido ao accidente. Dado que aínda non tiveron contactos coa Consellería do Medio Rural para negociar unha saída ao conflito, Bruña manifestou que seguirán coa folga e coas protestas.

Non son os únicos, tamén Amigas das Árbores vai preparar un acto e actividades na memoria de Jorge Jardim e demais compañeiros que perderon a súa vida por mor do cancro incendiario.

O PILOTO

Jorge Jardim, o home morto o pasado sábado no combate contra o lume do Xurés non era un piloto calquera. Foi director da Escola de Pilotagem do Aeroclube de Leiría, e actualmente, era examinador de demandantes a piloto.

"Piloto calquera pode ser co curso, mais para ser aviador hai que ser unha excelente persoa alén de bo piloto. E el era un excelente aviador", di Afonso Dinis, membro e antigo presidente do Aeroclube de Leiría en declaracións ao Jornal de Leiría, onde Jardim vive desde hai décadas.

Este home de 65 anos era natural de Maputo, Mozambique, tendo feito instrución na África do Sur como piloto de helicópteros e de avión. Fixouse en Leiría, onde casou, e traballou na aviación comercial. Os últimos anos, dedicouse ao combate aéreo de incendios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta