Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2020 | Actualizada ás 21:45
45 anos despois desas balas que segaron a vida de Moncho Reboiras, a UPG volverá recuperar a súa memoria na vila onde o "terror franquista" lle deu a morte. Os actos reivindicativos artellados pola que fora a formación política de Reboiras nesa Galicia dos 70 abrirán este ano cun acento diferente posto polo documental "Reboiras. Acción e Corazón", que será estreado na ferrolá sala Duplex ás 17:30 deste mércores.
Tamén no mércores 12 de agosto, día preciso no que Reboiras foi asasinado pola policía franquista na Rúa da Terra, o Cantón de Molíns será escenario dunha serie de intervencións políticas que arrancarán coa deputada polo BNG no Parlamento Galego -e parte do secretariado da UMG- e serán pechados por Néstor Rego, deputado polo BNG no Congreso e Secretario xeral da formación de Reboiras. As intervencións políticas, das que tamén formará parte o deputado no Parlamento Galego Ramón Fernández, arrincarán ás 19:00.
A UPG reivindica cada ano a figura de Reboiras lembrando a "encarnizada persecución á que foron sometidos os militantes" da formación e a " firmeza" coa que a esta "afrontou a loita por unha Galiza soberana e socialista e, particularmente, no empeño permanente por dotar o povo galego de forzas propias en todos os ámbitos, sen dependencias alleas, como a única maneira de garantir ás clases traballadoras da Galiza un futuro que o estado español e os intereses dos seus poderes económico-políticos lle negaban e lle continúan a negar". Reboiras faleceu con 25 anos, logo de 6 na UPG.
.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.